O Concello vén de editar 600 unidades deste cartón postal  que estarán dispoñibles na tenda oficial do Entroido a partires de hoxe

O Concello de Verín vén de esditar unha postal prepagada adicada ao Entroido. O deseño elixido recolle a figura dos Cigarróns, principal protagonista dos tradicionais festexos. O obxectivo desta edición limitada é, segundo o ente local, “dar a coñecer o Entroido, ademais de servir como vehículo de difusión e promoción da vila verinesa”.

Dende hoxe, venres 17 de febreiro, 600 unidades desta postal (que inclúe o franqueo tarifa A, válido para calquera punto de España), estarán dispoñibles na tenda oficial do Entroido por 2 euros. Os establecementos comerciais interesados na distribución deste produto poden informarse na devandita tenda sita na praza García Barbón.

Para utilizar esta postal non fai falta máis que escribir o destinatario e depositala en calquera oficina e/ou caixa de correos. Ao incluír o franqueo, resultan moi cómodas para poder remitir sen necesidade de comprar selo. Tal como adiantan dende o Concello, “as persoas que o consideren oportuno poden acudir á Oficina de Correos de Verín para que lle lle selen a postal, de maneira gratuíta, co cuño especial dedicado ao Entroido, recentemente editado por Correos dentro da serie de cuños turísticos deseñados para colaborar na difusión de lugares e monumentos emblemáticos a través dous envíos postais”.