Daban auga para o Martes de Entroido e desta volta o parte meteorolóxico non se equivocou. Con chuvia e frío amencía o 28 de febreiro, último día do mes e xornada central no Entroido da Veiga e non amaninou en toda a mañá. Mais iso non foi impedimento para que os participantes no desfile  percorresen as rúas dende o pavillón ata a praza, bailando e tocando sen cesar.

Pasaban das doce e media cando o Folión de Fornelós de Filloás abría a marcha rúa arriba. Detrás ía o Folión de Penouta e Ramilo (ámbolos dous asiduos cada Martes de Entroido na Veiga) e por primeira vez o Folión de Chandrexa. Entre medias algunha comparsa que animaba o percorrido con bailes e música e tamén varios bois.

E pechando a comitiva, os anfitrións, os membros do Fulión A Veiga coa característica sudadeira vermella (cuberta neste caso por chuvasqueiros, así como algún bombo tamén cuberto para que non se mollara) e acompañados por duas máscaras tradicionais de Baños recuperadas este ano pola Asociación Cultural O Son de Trevinca-Fulión A Veiga. Son os Charrelos uns personaxes que visten calzón e camisa branca, botas negras, manto de flores cruzado no peito, cara cuberta por unha esperpéntica máscara e un gran sombreiro de cores do que colgan fitas de papeis.

Tralo desfile, un ano máis, o pavillón da Veiga acollía a Festa da Soá, coa asistencia entre outros, dos membros dos folións e comparsas.

Fotos: Mónica G. Bellver.