Xunto a el interviñan o alcalde do Barco, Alfredo García, e o ex concelleiro Luis Arias

 

“Cando se abran as urnas o 25 de setembro teñen estar cheas de rosiñas vermellas”. Era o desexo que expresaba o ex concelleiro barquense Luis Arias ao inicio do mitin que o PSdeG-PSOE celebraba na tarde do 23 de setembro na praza de Viloira (O Barco). Nel tamén pedía aos asistentes que “fagamos de transmisores desta mensaxe aos que non viñeron e non quitan o pano dos ollos, porque non se dan conta de que están enganados”. Tamén falaba da despoboación de médicos no Hospital Comarcal Valdeorras, da discriminación que sufre a comarca  sinalando que “os que levan oito anos no goberno non fixeron nada por Valdeorras”.

Antonio Miguel Carmona saudando aos asistentes ao mitin na praza de Viloira (O Barco).

Antonio Miguel Carmona saudando aos asistentes ao mitin na praza de Viloira (O Barco).

 

Luis Arias, na apertura do mitin socialista en Viloira.

Luis Arias, na apertura do mitin socialista en Viloira.

De seguido interviña o alcalde do Barco e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, que subliñaba a importancia destas eleccións galegas “para que cambiemos o rumbo deste país. Se miramos os datos oficiais non hai ningún que indique que Galicia está mellor agora que cando a deixou de gobernar Touriño”. Asemade presentaba a Leiceaga como o mellor candidato a presidir a Xunta de Galicia porque “ten as cousas claras, ten valía, seriedade, rigor e capacidade de chegar a acordos. É garantía de eficacia, de boa xestión e, sobre todo, de cambio”.

O alcalde do Barco, Alfredo García, durante o mitin.

O alcalde do Barco, Alfredo García, durante o mitin.

García censuraba as políticas do actual goberno galego nos eidos da educación e da sanidade, apuntando que o “PP reduciu a mínimos a asistencia sanitaria no Hospital Comarcal Valdeorras”. E incidía en que a verdadeira queixa fronte a esas situacións ten que manifestarse nas urnas, aí é onde nos xogamos o futuro”.

Antonio Miguel Carmona, intervindo no acto celebrado en Viloira.

Antonio Miguel Carmona, intervindo no acto celebrado en Viloira.

A clausura do mitin corría a cargo dun convidado especial, o socialista madrileño Antonio Miguel Carmona, economista e analista nalgúns programas televisivos de debate político, quen se amosaba encantado de estar na súa terra xa que “a terra de Pablo Iglesias, ferrolán, é a terra das miñas raíces, a da miña ideoloxía”. Comezaba contando a historia do fundador do partido socialista e “primeiro deputado en Cortes desta organización política”, enfiándoa, a partir de aí, coa traxectoria deste partido político español e os seus logros, especialmente no eido educativo e sanitario dende primeiros do século XX ata a actualidade, pero tamén en servizos sociais e dereitos civís, concluíndo que “os socialistas somos os que temos transformado este país. A nosa ideoloxía é a que fai progresar á nosa sociedade. E criticaba a xestión realizada polo goberno de Feijóo ao fronte da Xunta, destacando os recortes en educación e en sanidade. “Iso é inxusto e é facer menos Galicia”.

 

Fotos: A.R.