As rúas do centro de Ourense cambiaron os coches polas comparsas e as carrozas. Maís de 60 comparsas e 35 carrozas ateigaron as principais vías da capital co mellor ritmo da música en directo e dos grandes temas do verán. A comitiva de Cleopatra, avellas, casetes, flores, mergulladores, ananos, as Pitas de Eiroas e o propio Fidel Castro e Donald Trump. Todos danzaban e se exhibían ante o gran público ourensán que se achegou para gozar da diversión. Todos amosaron moita creatividade e moito traballo ás súas costas para pasalo ben neste domingo de Entroido e co claro obxectivo de poder gañar o concurso do Concello. Coreografías, interpretacións, postas en escena… un espectáculo completo que non deixou indiferente a ninguén . A comitiva comezou o seu percorrido nas Lagoas, preto da Escola Oficial de Idiomas e do Campus, e seguiron pola rúa do Progreso, a Alameda ata rematar na Praza Maior, onde se formou unha auténtica festa amenizada coa música da orquestra “Claxxon”.

Unha tarde moi entretida que rematou coa entrega de premios do concurso. Segundo o ditame do xurado, os premios quedaron distribuídos do seguinte xeito: Na categoría de mellor comparsa (mais de dez participantes) o primeiro premio foi para para “Sol e as Superlunas”, que recibiron un premio de 900 euros. Seguidamente, o segundo premio foi para “Última tribu”, que recibiron 700 euros. Finalmente, o terceiro posto nesta categoría, cun premio de 500 euros, foi para “Paxareando”.

Na seguinte categoría de mellor comparsa con menos de dez participantes, o primeiro premio de 400 euros foi para as “Vespas de Entroido”. O segundo galardón foi para “Casetes galego e boli bic”, que gañaron 300 euros. Por último, en terceiro lugar, quedaron “Desde o xapón: hatsume Miku”, que recibiron un premio de 200 euros.

En canto aos premios especiais das comparsas, dotados todos de 300 euros, o galardón á máis numerosa foi para “Viva México”. Seguidamente, o premio á máis graciosa foi para “Os mariñeiros” e, finalmente, o premio á mellor animación foi para “Catro pasos 80’s”.

Na categoría das carrozas, o premio ao mellor deseño foi para “Os arrieiros” e a mellor animación foi para “Os azucarados de maside”. Ambos premios estaban dotados con 300 euros.

Fotos: Carlos Asensio.