Nin o frío nin a chuvia impiden que cada Semana Santa a parroquia valdeorresa de Petín celebre a tradicional procesión dos Caracois na noite do Venres Santo.

Este ano non foi unha excepción e malia a intempestiva tarde e noite, a Virxe saía en procesión polas rúas do casco vello. Cuberta por un plástico para evitar que se lle mollada, a imaxe era levada a ombros polas mulleres encabezando a comitiva baixo un manto de paraugas.

De cando en vez, o coro de homes da parroquia entonaba o Miserere. Unha desas paradas tiña lugar coma sempre na casa que cada ano espera pola comitiva coas concha de caracois acesos que dan nome á procesión colocados sobre unha cruz de madeira. E tralos cánticos, a procesión continuaba ata regresar á igrexa onde tiña lugar a eucaristía.

Fotos: Mónica G. Bellver.