Leiceaga, candidato socialista á presidencia da Xunta, participaba nun mitin no Barco, xunto a número un da candidatura por Ourense

“Queremos unha Galicia que avance, pero que os que sexan máis fortes tiren polos outros, sen deixar a ningún territorio atrás”. Era unha das mensaxes que o candidato socialista á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga lanzaba no mitin que tiña lugar á beira do Sil, no Barco, na tarde do 17 de setembro. Nel tamén se refería á alternativa que supón o proxecto socialista, fronte ao do PP,  “que xa sabemos o que é, con 137.000 empregos menos en Galicia, case un 12% menos dos que había no 2009. No que nos ofrecemos para darlle a volta á situación entra a creación de emprego, reforzar os servizos públicos para cambiar a tendencia, vincular aos territorios de maneira potente. E ese camiño é posible, estamos en condicións de levalo adiante”. Para Leiceaga, o partido socialista constitúe “a garantía de que ese cambio é posiblee  estable. Sabemos como gobernar e estamos chamados a gobernar tamén Galicia”.

 

Intervención da cabeza de lista por Ourense do PSdeG-PSOE, Noela Blanco.

Intervención da cabeza de lista por Ourense do PSdeG-PSOE, Noela Blanco.

Coa súa intervención completábase un mitin que encetaba o alcalde do Barco, Alfredo García, asegurando que “levamos moitos anos escoitando falar de reequilibrio territorial, pero cada vez hai máis diferenzas entre o interior e a costa e iso soluciónase tendo postos de traballo. O camiño pasa por potenciar o interior porque ten potencial e estámolo perdendo ano tras ano”. Aludía asemade á Leiceaga, e en concreto á súa etapa como concelleiro en Santiago, destacando a súa “capacidade para chegar a acordos nos grandes temas”. E, de seguido, daba paso no escenario á número un da candidatura socialista por Ourense, Noela Blanco, á que presentaba como unha persoa “moza, intelixente e preparada para traballar con intensidade pola provincia de Ourense e pola idea dunha sociedade xusta, igualitaria e mellor”.

Un dos momentos da intervención de Xoaquín Fernández Leiceaga.

Un dos momentos da intervención de Xoaquín Fernández Leiceaga.

Blanco expoñía unha serie de indicadores da provincia de Ourense. “Temos as pensións máis baixas do Estado, os salarios máis baixos de Galicia e a 8.900 familias en Ourense con todos os seus membros en situación de desemprego”. E incidía en que “nós non somos unha provincia de segunda, sufrimos un problema grandísimo de despoboamento que necesita medidas concretas e estruturais de discriminación positiva. Temos que ser socialistas polo futuro desta provincia e ese futuro non pode esperar, temos que construílo a partires do 25 de setembro”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Un dos momentos finais do mitin socialista no Barco.

Un dos momentos finais do mitin socialista no Barco.