O Orfeón Valdeorrés, os pregoeiros Carlos Blanco e Luís Davila e a homenaxeada Lula Fidalgo, protagonizan o acto previo ao xantar popular no pavillón de Calabagueiros do Barco

Cunha presentación en verso. Así comeza o acto do pregón, aperitivo da Festa do Botelo do Barco de Valdeorras que se celebraba no mediodía do 21 de xaneiro no Teatro Lauro Olmo.

En clave de humor, a presentadora do acto recitaba ao público asistente novos eslóganes para promocionar a festa, como por exemplo “Do mar o percebe e no Barco con botelo mencía de bebe”. Así daba paso ao apartado musical, un ano máis a cargo do Orfeón Valdeorrés que interpretaba tres temas, o último, acompañado polo público, o himno do Botelo creado pola propia coral, que acababa cunha gran ovación, á que seguía a proxección dun vídeo sobre a homenaxeada desta edición, Obdulia Fidalgo Real “Lula a Pulpeira”, cociñeira da festa durante quince anos.

Despois dun percorrido pola traxectoria profesional de Lula, ao fronte xunto ao seu home de Pulpería Piernas, presente en canta feira, festa e mesmo voda se precie, a protagonista subía ao escenario para recibir a mención de honra por parte do alcalde do Barco, Alfredo García e da concelleira de Cultura Margarida Pizcueta. Antes de baixar do escenario, a propia Lula daba as grazas ao Concello “por permitirme contribuír co meu esforzo a que esta festa traspase fronteiras”, lembrando os comezos da celebración que foi cambiando de ubicación conforme aumentaba o número de asistentes, sen esquecer o mal que o pasaba en cada edición “quitábame cinco anos de vida cada ano, porque malia o empeño para que todo saise ben, non sempre foi así porque houbo anos en que a materia prima non era a adecuada. Está ben dar traballo á xente da vila pero facendo ben as cousas”, asegurou antes de despedirse e dar asemade as grazas á xente alí presente.

Lula Fidalgo tras recibir a mención de honra.

Lula Fidalgo tras recibir a mención de honra.

A terceira e última parte do acto corría por conta dos pregoeiros que por primeira vez non son son Barco. O actor e humorista Carlos Blanco e o debuxante e autor do cartel das dúas últimas edicións da Festa do Botelo, Luis Davila saían ao escenario para ofrecer ao público un pregón “diferente”, debuxado e lido a un tempo. Mentres Blanco alardeaba dos seus coñecementos sobre Valdeorras, Davila facía en directo o debuxo dun dos seus peculiares personaxes co botelo na man. A partires de aí, en clave de humor con toques de actualidade, o binomio Carlos-Luis poñía en escena o pregón propiamente dito, ofrecendo aos espectadores que rían e disfrutaban do acto, diferentes posibilidades en torno a un botelo. Así, sobre a pantalla, Luis “tuneaba” o botelo mentres Carlos explicaba cada personaxe: “Air Botelo”, “Adidas botelo style”, “O Botelo de William Shakesperare”, “Súper Botelo”, “Botélix” ou mesmo “Eau de Boteló”.

Sobre a paisaxe das Médulas debuxada en directo por Davila, Blanco remataba o pregón asegurando que “hai que avanzar cos tempos”, suxerindo a introdución do botelo na cociña contemporánea, é dicir comer pouco e rico poñendo nomes extraños aos ingredientes.

Mentres, no exterior do teatro  a xente disfrutaba da sesión vermú nos bares e tralo pregón, fortemente aplaudido, a festa trasladábase ata o pavillón de Calabagueiros onde 1.300 persoas degustaban uns 755 quilos de botelo, 350 de verdura e 500 quilos de patacas. Todo elo regado cunhas 600 botellas de viño mencía da adega Roandi (Éntoma).

Fotos: Carlos G. Hervella