O profesor e arqueólogo Antonio Rodríguez Colmenero impartía en Verín unha conferencia sobre vías de comunicación e urbanismo no Imperio Romano no ciclo Festival de Curtas Verín Vía XIV

 

 

Non hai urbanismo sen cidades. Sen embargo, para iso non basta só coas construcións, “cómpre que lle sexan engadidos os urbanismos xurídico, cultural, económico, relixioso…, en resumo o urbanismo social para que un núcleo edificado poida ser considerado como cidade. Pero todos estes valores non se poden acadar illados e dende dentro”, é necesaria “a comunicación co exterior, e para tal finalidade precísase das vías de comunicación de amplo radio que só Roma foi quen de executar en primicia”. Deste xeito comezaba o profesor e arqueólogo Antonio Rodríguez Colmenero, natural de Lucenza (Cualedro), a conferencia que impartía na tarde do 15 de novembro na Casa da Cultura de Verín.

A concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza, presentando ao ponente.

A concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza, presentando ao ponente.

 

Esta era a segunda ponencia do ciclo Festival Internacional Vía XIV, tal e como recordaba na presentación do acto a concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza. Ademais de tracexar a relevante traxectoria de Colmenero, a edil referíase ao contido da conferencia. “Vai a falarnos dalgo moi curioso e moi especial, algo que todos nos preguntamos algunha vez, ¿como naceu? ¿por qué a nosa historia está tan unida á de Chaves?”.

De seguido, tomaba a palabra Rodríguez Colmenero, quen lembraba as súas orixes en Lucenza, na serra do Larouco, e a súa relación coa comarca de Verín. Tamén confesaba que, malia que nesta ocasión se centraba no mundo romano, “noutras circunstancias tamén ansiaría falarvos do condado de Monterrei, pese a todo tan mal estudado aínda, un tema suxerente que acariñei hai moitos anos para tema de tese doutoral. Porén decidín ao fin profundizar sobre etapas históricas máis lonxanas e relacionadas do devir anterior á invasión dos mouros no século VIII, un antes e un despois que deixou fonda pegada nestes nosos lares”.

Público asistente ao acto, celebrado na Casa da Cultura de Verín.

Público asistente ao acto, celebrado na Casa da Cultura de Verín.

A partir de aí adentrábase na temática das vías romanas, procurarando “envolver o discurso na idea condutora do proceso urbanizador do val do Támega levado a cabo por Roma” e apoiándose en diversos mapas e imaxes. O seu punto de partida era a época castrexa,  un “mundo rural” cuxa organización e distribución “coñecemos a través das fontes romanas”. Logo tocaba a etapa da guerras cántabras, é dicir, da conquista do noroeste peninsular e do novo modelo organizativo do territorio que supuxo o dominio de Roma. Tamén explicaba como foi evoluíndo ese modelo co paso do tempo e as modificacións que sufrían as provincias romanas, coa mirada posta especialmente no territorio correspondente ao Val do Támega.

Un dos momentos desta conferencia, incluída no ciclo do Festival Vía XIV de Verín.

Un dos momentos desta conferencia, incluída no ciclo do Festival Vía XIV de Verín.

Tamén enumeraba e explicaba as diferentes vías de comunicación e conexións que se ían tecendo no territorio, cunha especial referencia á Vía XIV que pasa por Verín. E nese proceso urbanizador romano, Rodríguez Colmenero poñía o foco nas urbes de referencia. “¿Cales foron as verdadeiras cidades romanas fundadas por Roma no noroeste, só Bracara, Lucus e Asturica ou algunha máis?”, preguntábase, para de seguido matizar: “só unha máis que mereza tal nome e que xurdiría no val do Támega: Aquae Flaviae, Chaves”. E xustificaba esa afirmación apoiándose en diversas referencias arqueolóxicas e documentais da época, como é o caso dos miliarios.

Concluía explicando como esta cidade, recoñecida como “municipio” romano foi, na etapa posterior, perdendo peso. E completaba a súa exposición expresando un desexo. “Fago votos para que esta Eurocidade Chaves-Verín que está en cernes, e que é unha idea formidable, se faga realidade. O único éxito é volver aos principios, tratar de facer unha unidade”, pero, engadía, “cunha condición: ten que funcionar no económico”.

Este ciclo de conferencias, que coordina Bruno Rúa, terá continuidade na vindeira semana cunha ponencia sobre os tratados das fronteiras entre España e Portugal, a cargo de Julio Alonso de Mandín.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.