A mostra “O Barco de outrora”, organizada pola Concellería de Cultura, pode contemplarse en diferentes recunchos das rúas da zona antiga da vila

 

É unha invitación ao recordo. A lembrar ou descubrir como era antigamente o aspecto do Barco, das súas rúas, pero tamén dos seus comercios, da beira do río Sil ou os seus lugares de ocio, e, ao mesmo tempo, da súa sociedade. “O Barco de outrora” é unha exposición que achega unha mirada fotográfica ao pasado dun xeito diferente. Faino dende o 12 de setembro, a pé de rúa, e descubrindo imaxes pasadas dos mesmos lugares onde se instalan esas fotos de grande formato.

Esta exposición esténdese ao longo do casco antigo da vila, dende a praza Maior ata a rúa Real en diferentes e singulares recunchos. Rescata para os barquenses imaxes de coleccións privadas, tomadas entres primeiros e mediados do século XX, que levan a sinatura de fotógrafos como Blanco Pascual, Rufino ou Eugenio de Puga. Esta mostra fotográfica está incluída dentro dos actos das Festas do Cristo 2017.

 

Texto e fotos: Ángeles Rodríguez.