As mareas ourensás enchen a Alameda Municipal no seu mitin central na cidade

As cadeiras colocadas na Alameda de Ourense souberon a pouco. O mitin central de En Marea na cidade congregou no céntrico punto a decenas de veciños que se achegaron a escoitar a súa mensaxe, a escasas horas de que remate esta campaña electoral. “Somos a alternativa da honestidade”, proclamaba Luís Villares,  candidato á Xunta por esta formación. Pero sobre as táboas de En Marea pasaron tamén outros líderes como o histórico Xosé Manuel Beiras ou  Carolina Bescansa, de Podemos. Tamén estivo a deputada Yolanda Díaz e os tres primeiros postos da candidatura por Ourense, Ánxeles Cuña, Davide Rodríguez e Eva Gutiérrez.

Davide Rodríguez, nun momento da súa intervención.

Davide Rodríguez, nun momento da súa intervención.

Rodríguez foi dos primeiros en intervir. Expuxo a súa xestión na alcaldía de Manzaneda como aval da política que En Marea pretende instaurar na Xunta  fronte aos “ataques sistémicos contra o noso agro e a nosa gandeiría” e manifestou: “non podemos permitir a nosa merma como pobo”. Así, concluíu dicindo que “o 25S escribiremos as notas necrolóxicas do clan Baltar e do PP”.

A cabeza de lista pola provincia pediu o cambio para Ourense no mitin.

A cabeza de lista pola provincia pediu o cambio para Ourense no mitin.

Ánxeles Cuña, pola súa banda, pediu “o cambio” para Ourense para “dar remate ao abandono. “Que Ourense sexa pobre non é cuestión da fatalidade ou da crise, é inxustiza social, económica e cultural reversible”, dixo, mostrándose convencida de que ao candidato popular á Xunta “gústalle máis o ‘B’ de ‘banca’ que o ‘B’ de ‘Burgas’”.

Beiras, na Alameda de Ourense, invitou á reflexión “en tempos de guerra”.

Beiras, na Alameda de Ourense, invitou á reflexión “en tempos de guerra”.

A continuación falaron os representantes autonómicos e estatais da formación. Así, un dos momentos máis distentidos foi cando Beiras tomou a palabra dicindo que “o partido podre pensa que Ourense é terreo conquistado” e tamén apuntou cara Baltar: “non está a comprar votos”, dixo, en referencia á recente oferta de emprego publicada pola Deputación a catro días dunha cita electoral, “está a roubalos, que nin sequera os pagan”, continou.  Defendeu que a Marea “é a auténtica alternativa democrática” e convidou aos presentes a facer unha reflexión. “Estamos en tempos de guerra”, manifestou.

Bescansa tamén participou no mitin na cidade das Burgas.

Bescansa tamén participou no mitin na cidade das Burgas.

Villares pechou o mitin  motrándose disposto “a lidiar co candidato da imputación e da corrupción”. Así, fixo un percorrido por todos os casos de corrupción e de imputados do partido que actualmente goberna a Xunta, o PP, gañándose por momentos a complicidade do público, que remataba as súas frases ao berro de: “imputado!”. Dixo ademais que queren que o diñeiro “roubado” volva ás arcas públicas para servizos sociais e rematou pedindo a Feijóo que retire ao presidente da Deputación do seu cargo instándolle a “apartarse da fatalidade”. “Van alá 13 días de campaña e segue sen cesar a Baltar; vai caer Baltar, Rajoy e el”, dixo. E rematou co público en pé e proclamando: “queremos un país xusto”.

Texto e fotos: Sara Fontenla

Villares puxo en pé ao público en varias ocasións.

Villares puxo en pé ao público en varias ocasións.