Uns 50 deportistas participaron na 4ª proba da II Copa Deputación organizada polo Club Peña Trevinca Barco e a AD Limiactiva

A orientación tamén tivo o seu oco no programa deportivo das Festas do Cristo 2017, coa celebración dunha dobre proba no Malecón: a 4ª proba da II Copa Deputación e a 5ª da liga valdeorresa, organizada polo Club Peña Trevinca Barco xunto coa AD Limiactiva en colaboración co Concello do Barco.

En torno ás once da mañá do domingo 17 de setembro, comezaba o correlín á beira do río, unha proba laberíntica especialmente pensada para os máis pequenos na que participaron uns 20 cativos.

E xa pasadas as doce comezaba a proba de orientación propiamente dita polo paseo do Malecón, na que participaron unha trintena de deportistas de diferentes categorías (cadete, veterano, sénior,…).

En total foron algo máis de 50 as persoas (de Valdeorras e doutros puntos da provincia) que participaron na xornada de orientación á beira do río Sil.

A Copa Deputación de Orientación, consta de 5 probas e na clasificación final puntúan as 3 mellores participacións. Os premios, entregaranse na última proba.

Fotos: Carlos G. Hervella

Máis información na vindeira edición de O Sil Deportivo.