O debuxante e a actriz darán o pistoletazo de saída a unha das citas máis participativas e multitudinarias deo Entroido en Verín

O vindeiro 23 de febreiro pola noite terá lugar unha das xornadas máis participativas e multitudinarias do Entroido en Verín: o Xoves de Comadres, unha divertida e singular festa que abrirá a lectura do pregón que este ano correrá por conta do debuxante Xosé Lois González “Carrabouxo” e da actriz Isabel Risco.

 Tras as tradicionais ceas das comadres nos restaurantes da vila, amenizadas polas charangas Támega, Nova Terra de Trives, Jalácticos, Vakapinta e Fuego, as mulleres dirixiranse ata a Casa de Escudo, no barrio de San Lázaro, onde, sobre a 00:30 horas, partirá a procesión. A Raíña recibirá a comitiva encabezada por Don Carnal que descenderá polo camiño Real ata a praza Maior para escoitar o pregón, que pon punto seguido ás longas noites de festa non Entroido de Verín.

Xosé Lois González Vázquez, alcumado O Carrabouxo.

Xosé Lois González Vázquez, alcumado O Carrabouxo.

Xosé Lois González Vázquez traballou como xefe provincial de Telecomunicacións en Ourense ata a súa xubilación en 2009, labor que compartía coa súa faceta de humorista gráfico. Foi membro da directiva da Agrupación Cultural Auriense e presidente deste colectivo durante 13 anos. Colabora con regularidade en diferentes medios coa publicación de viñetas do Carrabouxo, personaxe que comparte o pseudónimo do autor e que creou en 1982. Participou tamén en publicación colectivas e recibiu a Medalla Castelao en 2008.

A actriz galega Isabel Risco.

A actriz galega Isabel Risco.

Pola súa banda, a actriz galega Isabel Martínez-Risco Valdivieso comezou no teatro universitario en 1997 e exerceu de presentadora de galas, contadora de contos, traballando asemade na radio aínda que é a súa faceta como actriz televisiva a coñecida. En 2004 debutou concursando en O rei da comedia e colaborou en Máxima audiencia, programa que tamén coproduciu. Zapping Commando deulle o seu primeiro papel protagonista. En 2009 colaborou humoristicamente con Víctor Fábregas como “A estraña parella” no programa Luar, actuando asemade para curtametraxes como a italiana Retorno a San Andrés (2006). Entre os seus premios e recoñecementos cabe destacar o Premio Mestre Mateo que lle foi entregado en 2014, á mellor intérprete feminina de reparto por Era visto!.