Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Espectacular cabalgata de Reis en Ourense

Na comitiva había cinco carrozas: a do carteiro real, as dos tres Reis Magos e unha que portaba os agasallos do Concello de Ourense

Á Estación Empalme de Ourense chegaba en torno ás cinco e media da tarde do 5 de xaneiro o tren procedente de Oriente, tendo como viaxeiros aos Reis Magos. Dende alí iniciábase o  percorrido das súas Maxestades os Reis Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar, nas súas carrozas reais pola cidade de Ourense. Acompañados no percorrido por un séquito cheo de sorpresas.

Dende alí dirixíanse cara a avenida das Caldas, Ponte Romana, Rúa Progreso, Dr. Marañón e, finalmente, á praza Maior. A comitiva contaba coa presenza dos Bombeiros do Concello. Este ano asistían ademais Os Bolechas, que participaban no desfile nun bus da TVG, que retransmitía en directo para toda Galicia a Cabalgata da cidade das Burgas.

A temática da Cabalgata de Reis de Ourense 2019, realizada polo Concello en colaboración coa Asociación de Belenistas de Ourense e baixo a dirección artística da produtora ourensá Boneca Lareta, tiña como título “Un soño de Nadal”. O desfile incluía un total de 29 agrupacións que relataban unha historia a través dos soños das nenas e dos nenos, representados con imaxes oníricas de gran beleza e potencia visual. En total eran unhas 300 persoas, entre persoal de organización, figuración, produción, etc.

Na comitiva había cinco carrozas: a do carteiro real, as dos tres Reis Magos e unha que portaba os agasallos do Concello de Ourense. Tamén participaban no desfile o antigo camión dos anos 40 con agasallos do Concello e pechaba a cabalgata un autobús eléctrico de UNVI (empresa ourensá que exporta tecnoloxía e vehículos a todo o mundo), tamén repleto de agasallos. Tampouco faltaban nesta festa os fogos artificiais.

Para garantir a seguridade no decurso desta cabalgata despregouse un dispositivo no que cortaron os accesos con autobuses urbanos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button