ConcellosÚltima hora

Espectáculo de danza e lume na reapertura do Castelo de Castro Caldelas en Semana Santa

Patio do Castelo de Castro Caldelas./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Suaren Bataila” é título do espectáculo co que se pretende celebrar a reapertura do Castelo de Castro Caldelas. Unha actuación que combina diferentes técnicas de lume, interpretación, danza e aéreos. Malia a que o espectáculo está previsto para o sábado día 3 de abril ás 19:30h, o monumento abrirá as súas portas ao público xa dende o luns 29 de marzo en xornada partida (de 10h a 14h pola mañá e de 16h a 20h pola tarde).

Este horario que terá continuidade en tempada alta ata o mes de outubro, despois de que a Sociedade Cooperativa Xeitura gañara a licitación de xerencia do monumento. Poderán reservarse entradas na recepción do propio castelo a partir do día 29 de marzo.

Este monumento permanecía pechado ao público dende o 1 de xaneiro deste ano para realizar obras de mellora da accesibilidade e tramitar a licitación dunha nova xerencia.

“O Castelo de Castro Caldelas foi sempre o centro monumental de referencia na zona, actuando como principal punto de atracción turística e porta de entrada natural á Ribeira Sacra. Non é algo que digamos nós senón as propias enquisas de visitantes que realizamos cada ano na propia fortaleza. É a nosa vontade por isto contribuír a ese papel co relanzamento do monumento para garantir a súa conservación, investigación e difusión, pero tamén para convertelo no referente cultural da comarca”, apunta Sara Inés Vega Núñez alcaldesa do Concello de Castro Caldelas.

 

Artigos relacionados

Back to top button