En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Espeleoloxía, convivencia e moito máis no I Campamento Infantil Águilas Verdes, en Cobas (Rubiá)

20 cativos do Barco de Valdeorras, A Rúa e Rubiá participaron esta fin de semana nesta actividade en plena Serra da Enciña da Lastra

 

Fomentar o coñecemento e o amor polo entorno natural entre os máis pequenos, a conservación do medio ambiente e o descubrimento da contorna, neste caso concreto da Serra da Enciña da Lastra, pero tamén iniciar aos pequenos na espeleoloxía e potenciar unha serie de valores como a convivencia, a sociabilidade ou o respecto. Son as premisas coas que o G.E.M. Águilas Verdes de Rubiá poñía en marcha o seu primeiro campamento infantil de espeleoloxía. Unha iniciativa que vai moito máis aló dunha simple actividade ao aire libre e que se desenvolvía con gran éxito nesta fin de semana.

 

 

 

Dende as nove da mañá do sábado 25 de xuño e ata pasadas as cinco da tarde deste domingo día 26, un total de vinte cativos de entre 7 e 14 anos da Rúa, O Barco de Valdeorras e Rubiá, desfrutaron dun completo e intenso programa no que non faltaron actividades de lecer e aventura pero tampouco concursos, xogos nocturnos e intercambio de aventuras.

 

 

 

Co centro de operacións no refuxio que a Federación Galega de Espeleoloxía ten en Cobas e tal como estaba previsto, o programa arrancaba coa recepción dos participantes e entrega das correspondentes autorizacións. De seguido comezaba a primeira saída da fin de semana dirección á cova ‘Pala da Zorra-Despiste’ que os pequenos desfrutaron ao grande descubrindo parte dos segredos destas formacións calcáreas. Tralo xantar ao aire libre, na boca da cova, chegaba o turno dos deportes de aventura con actividades en kaiak no encoro de Penarrubia (zona de Cobas), merenda no embarcadeiro e rápel. De regreso no refuxio, trala cea e ata a hora de durmir non faltaron os xogos nocturnos.

 

 

 

 

Tralo sono reparador e un bo almorzo no refuxio, a xornada deste domingo arrancaba co reparto de camisetas conmemorativas do campamento, antes de partir rumbo ao lugar no que se atopa a famosa ‘Aciñeira de Cobas’ árbore senlleira con séculos de antigüidade. Alí, os organizadores explicáronlle aos pequenos a historia e tamén as lendas que se contan sobre o monumento natural.

 

 

 

Pola mañá tamén houbo xogos tradicionais e mesmo un concurso de nós, antes do xantar que monitores e nenos compartiron cos pais no exterior do refuxio, poñendo o broche coa entrega de diplomas e agasallos.

 

 

Despois de meses de traballo organizativo e a responsabilidade de levar ao grupo de pequenos pola serra, dende o Grupo de Espeleoloxía e Montañismo Águilas Verdes valoran moi positivamente este primeiro campamento, agradecendo a colaboración e axuda que tiveron por parte do Concello de Rubiá.

 

https://youtube.com/shorts/1W_Oc0Qe5j0?feature=share

 

 

 

 

Fotos de vídeos: Carlos G. Hervella /Águilas Verdes.

Artigos relacionados

Back to top button