En portadaEntrevistasÚltima hora

“Espero que o teatro de Lauro Olmo chegue pronto aos escenarios en galego”

Lauro Olmo Enciso, un dos fillos deste dramaturgo barquense que foi Premio Nacional de Teatro, fala do vínculo vital e literario con Valdeorras deste autor no centenario do seu nacemento

O arqueólogo Lauro Olmo Enciso, fillo do escritor barquense Lauro Olmo Gallego, nunha visita a Valdeorras no 2019./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Eu _con perdón_ son galego. Nacín no Barco de Valdeorras, pobo de boa xente e ancorado nun dos vales máis risueños daquelas terras”, escribía Lauro Olmo Gallego no inicio de Adiós, un dos seus contos. Tal día como hoxe, un 9 de novembro, pero de 1921, este escritor, dramaturgo e poeta nacía nunha das casas da rúa Real do Barco. Desta data cúmprense agora un século. Sen embargo, o seu centenario non se celebrará a nivel institucional e cultural ata o 2022 xa que, ata non hai moito tempo, o ano de nacemento que aparecía nas súas biografías era, por un erro, o 1922. Esta rectificación débese ao estudoso barquense Ángel Fernández.

Pese a isto, dende o Periódico O SIL quixemos celebrar simbolicamente esta data achegándose á figura e á obra deste escritor de sona internacional e Premio Nacional de Teatro en 1962 por La Camisa, conversando cun dos seus fillos, o arqueólogo Lauro Olmo Enciso. Ademais nesta conversa afonda no estreito vínculo que, pese ao paso dos anos e a distancia, o escritor mantivo coa súa terra, que abandonaba coa súa cando apenas cumprira os 8 anos. Un vínculo que mesmo ten o seu pouso no conxunto da súa obra e que, tras o seu falecemento en 1994, segue mantendo a súa familia.

¿De que maneira ten estado presente na casa da familia Olmo Enciso a comarca de Valdeorras?

Aquí hai dous niveis o familiar e o literario. Na familia sempre tivemos moi presente a Galicia non só polo meu pai, senón tamén pola miña avoa. Case todos os domingos comiamos na súa casa, facía uns caldos, uns potes magníficos e un botelo estupendo. E recordo que, sempre, as comidas terminaban con todos cantando cancións galegas, incluídos o meu irmán Luis e máis eu. A miña avoa era unha muller moi galega que, por unha situación case de indixencia, tivo que coller aos seus oito fillos e irse a Madrid a buscar mellor vida. Ao principio foi unha vida moi dura, de feito ao meu pai e a outros dous irmáns, aos pequenos, tívoos que meters nun asilo porque non había para comer. Foi precisamente o mesmo asilo onde unhas décadas antes estivo Pablo Iglesias, cando a súa nai, Juana Posse, emigrou tamén a Madrid. Hoxe ese asilo é o Teatro da Abadía de Madrid.

O meu pai tiña 8 anos cando chegou a Madrid, era dos galegos da diáspora e esa sensación de desarraigamento tívoa sempre, nunca abandouno a súa relación con Galicia e non podía ir por unha situación de imposibilidade económica. Unha cuestión importante a valorar na súa vida posterior como escritor é que carecía de carreira universitaria, por non ter non tiña nin o bacharel. Ao acabar a guerra civil tívose que poñer a traballar no que fora para levar diñeiro á súa casa. Traballou nun taller de bicicletas e logo como rapaz dos recados nun ultramarinos na Glorieta de Atocha. Pagábanllle algo e con iso alugaba libros de vello na Costa do Moyano. Os propios libreros aconsellábano e mesmo lle recomendaron que fose ao Ateneo de Madrid, do que se fixo socio. O meu pai sempre dicía que esa foi a súa universidade, lía compulsivamente de todo na biblioteca, que non pechaba durante as noites, e alí coñeceu a moitos dos seus compañeiros intelectuais.

Esa sensación de desarraigamento está moi presente na súa obra, ademais sempre dicía que a humidade galega quedaba moi reflexada nos seus escritos, tanto nas súas novelas, como na poesía e o teatro. E logo outra cuestión é o tema da muller, o seu teatro tiña perspectiva de xénero, os personaxes máis sólidos das súas obras son sempre as mulleres e incluso son protagonistas en moitas delas. O meu pai acostumaba dicir que tiña o exemplo da miña avoa, representativa desa muller galega loitadora que tivo que sacar adiante á familia.

Lauro Olmo Gallego en Xagoaza (O Barco)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O tema da muller, a emigración, mesmo o contexto de crise… ¿podería dicirse que o teatro de Lauro Olmo segue moi vixente neste século XXI?

Totalmente vixente. Ao nacer dende abaixo este teatro estache falando de cotidiandades que, lamentablemente, seguen estando presentes hoxe. ¿Cal é o problema da obra do meu pai como da doutros compañeiros seus? Que o teatro hai que velo e as obras do meu pai, as de Buero Vallejo, Alfonso Sastre, Martín Recuerda, etc. teñen 15, 16, 17 personaxes e hoxe os propios autores teatrais actuais contan que están limitados a escribir unha obra con, como moito 4 personaxes, porque non hai suficiente investimento.

A min como arqueólogo, que traballo en temas de manter unha identidade e un patrimonio, isto paréceme lamentable porque non sucede noutros países como Alemaña, Franza ou Inglaterra, onde podes ver obras con ata 30 personaxes. Isto é un drama para eses autores que seguen moi vixentes e, para a sociedade, é unha mágoa porque se nos está escatimando unha parte do noso patrimonio por un tema de orzamento e de vontade política.

Con todo, quero ser optimista. Estes son momentos pendulares e esperemos que, como sociedade, poidamos recuperar e ver en toda a súa dimensión o teatro de Lauro Olmo e de moitos outros autores españois que teñen obras magníficas.

 

Placa situada na casa na que naceu Lauro Olmo Gallego en 1921, no casco antigo do Barco./ Foto: A.R.

 

Ademais de dramaturgo Lauro Olmo era poeta e narrador, ¿para poder comprender mellor o contexto do seu teatro hai que ter presentes eses outros xéneros literarios nos que se moveu?

Claro, o primeiro que publica é un libro de poesía e un de contos, un dos cales Cuno, transcorre en Xagoaza (O Barco). Os estudosos da súa obra sempre din que é un poeta dramático, e din outra cousa moi bonita que o bo do teatro de Lauro Olmo é que se pode ler porque ten estrutura narrativa. Recordo que el moitas veces el pregúntabase, ¿onde acaba para min a poesía e empeza o conto, a novela e logo o teatro? Estaba todo contextualizado. Mesmo outros seus estudosos da obra do meu pai comentaba a calidade das acotacións das súas obras de teatro. É un poeta dramático, e no teatro é onde se conta tamén o seu recoñecemento de narrador.

Unha cuestión aínda pendente é a representación dalgunha das súas obras teatrais en galego…

Iso gustaríanos moito, hai conversas nese senso. Xa hai obras traducidas ao galego como Asemblea xeral de teatro infantil, Pablo Iglesias, ou a propia A camisa. Son tamén optimista nisto e espero que proximamente se lle empece a recuperar en Galicia e chegue aos escenarios en galego.

Texto: A.R.

Máis información sobre o autor barquense Lauro Olmo na sección de Cultura da edición en papel de novembro do Periódico O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button