En portadaGalerías de fotosÚltima hora

“Esta homenaxe, máis alá de min, vai para a xente da labranza”

O escritor, poeta e fotógrafo Emilio Araúxo, distinguido polo Concello de Parada de Sil na súa particular celebración das Letras Galegas

Pola súa contribución ao acervo cultural e por espallar o nome de Parada de Sil a través da sua obra poética, o escritor, filósofo, poeta e fotógrafo Emilio Araúxo (Coles, 1946) recibía unha emotiva homenaxe deste Concello ourensán no marco das Letras Galegas. Este acto tiña lugar na mañá do 17 de maio nun salón de actos da Casa Consistorial que se quedaba pequeno para acoller ao numeroso público do acto. Ademais, convertíase en escenario dunha exposición dunhas 18 fotografías en branco negro deste autor, retratos  de gran intensidade dunha vida pasada e testemuña para as futuras xeracións. Unha parte da súa vasta obra publicada, estendíase ademais sobre a mesa, detrás da cal ían tendo lugar as diferentes intervencións.

A primeira delas corría a cargo da alcaldesa de Parada de Sil, Yolanda Jácome, quen destacaba o “traballo de difusión, compromiso coa lingua e coa terra” de Emilio Araúxo. Agradecía a colaboración das institucións que facían posible esta homenaxe e tamén a asistencia das numerosas persoas. A continuación, o concelleiro de Cultura, Paco Magide, referíase ao compromiso de Araúxo coa docencia, como profesor de filosofía, e salientaba o “seu discurso literario, cun galego rico”. E lembraba que dende hai moitos anos ten unha casa en Sacardebois, onde pasa moitos meses e onde creaba no 2016 un “Poemuseo”, no que recolle “a vida labrega”.

De seguido tomaba a palabra do deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, quen sinalaba que “Emilio Araúxo é un bo exemplo dos galegos que nacemos no rural, iso marcanos para a toda a vida. Seguro que o marcou o seu pobo, de aí esa dedicación intensa aos nosos devandeiros, e esa identificación co pobo e coa lingua”.

O acto proseguía coa interpretación de dúas pezas por parte da Coral Vellos Amigos de Manolo de Dios, “Camina Don Sancho” e “O coro de primavera”, baixo a batuta de Juan Feijóo, e coa proxección dun video realizado por Luis Baños sobre Emilio Araúxo e o seu “Poemuseo”, que non é un museo ao uso, senón que nel búscase que “cada obxecto sexa como un personaxe con voz, que fala por si mesmo como unha especie de microcosmos expositivo da cultural material e inmaterial” dese mundo labrego, en palabras do seu creador. Cada elemento vai asociado a un texto poético, de autores de referencia como Jean Sacré ou Federico García Lorca, pero tamén de persoas do rural como a señora Hortensia da Terra do Deza.

Antes do discurso do homenaxeado, o xornalista Lalo Pavón facía unha semblanza deste intelectual, tanto vital como creativa. Mencionaba as súas facianas de profesor, de editor, de escritor, ensaísta e poeta cunha notable produción, como fotógrafo e tamén como tradutor. En Sacardebois, dicía, recreou “a Arcadia feliz ao preservar o legado dos devanceiros”. Araúxo, concluía, “non é un personaxe ao uso, non lle concede a máis mínima licenza ao seu ego”.

Finalmente, Emilio Araúxo dirixíase aos presentes amosando o seu fondo agradecemento e resaltando que “esta homenaxe, máis alá de min, vai para a xente da labranza, á que lle estou agradecido deica ás barbas”. Aludía ao seu “Poemuseo”, onde hai “unha voz viva, onde hai chamada, promesa, interpelación, esixencia, onde hai diálogo”. E rendíalle o seu especial tributo a María Victoria Moreno, autora á que se lle dedican este ano as Letras Galegas. Escollía un dos seus libros, o poemario “Elexías da luz”, do cal seleccionaba dous poemas relacionados coa “veciña terra de Ferreira de Pantón”: “Hai un lugar á fin dese camiño” e “Hai un reino de paz que por min chama”. Lía dúas estrofas deles, resaltando algunhas das súas palabras e poñéndooas en relación co mundo labrego. Remataba cunha lembranza ao seu profesor, o gran pensador francés Jacques Derrida, que “pensaba que a pregunta fundamental viña a ser a pregunta de como vivir, e el respondía con tres condicións: a primeira sería estar en permanente diálogo coa xente desaparecida, coa xente morta, a segunda estar en conversa coa xente viva, e a terceira estar en conversa coa xente aínda non nacida”.

De seguido, Araúxo, en medio dun gran aplauso, recibía de mans da alcaldesa unha placa conmemorativa e un ramo de flores. Despois, soaba novamente a Coral Amigos de Manolo de Dios coa peza “O rodaballo”. Rematado o acto no Concello, autoridades, asistentes e homenaxeado trasladáronse á sua casa de Sacardebois, onde ten instalado o seu museo etnográfico, para colocar unha placa na fachada, lembrando a efeméride.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button