En portada

“Esta necrópole é única en Galicia”

Olalla López-Costas, membro do equipo que investiga os restos humanos da Idade do Bronce da Cova do Santo en Pardollán
As investigadoras Olalla López-Costas (con bata branca) e Gúndula Müldner (a primeira pola dereita), con integrantes do grupo de Paleodieta e Paleoclima na Universidade de Reading (Reino Unido)./ Foto: Sarah Lambert-Gates-Universitidade de Reading.
As investigadoras Olalla López-Costas (con bata branca) e Gúndula Müldner (a primeira pola dereita), con integrantes do grupo de Paleodieta e Paleoclima na Universidade de Reading (Reino Unido)./ Foto: Sarah Lambert-Gates-Universitidade de Reading.

O acceso á Cova do Santo (Pardollán, Rubiá) está nun lugar elevado dende o que pode verse o val do río Sil. Do seu interior, dividido en tres cámaras, un equipo de investigadores galegos recuperaba en febreiro do 2008 un total de 61 pezas óseas que estaban en superficie. Deste equipo formaba parte a antropóloga física Olalla López-Costas. Dende entón segue mergullada no estudo das pezas desta necrópole prehistórica valdeorresa. “A primeira vez que entramos na cova”, lembra, “foi a finais do 2006, pero comezamos a traballar cos restos óseos despois dunha pequena intervención a principios do 2008. Este labor foi posible pola vontade e traballo do arqueólogo director do equipo D. Fidel Méndez Fernández, pero tamén pola axuda da Dirección Xeral de Patrimonio. No equipo inicial de traballo había xente de moitas áreas: arqueólogos, xeógrafos, enxeñeiros de minas, etc”.

 

Sete anos despois, a investigación do maior conxunto de restos humanos prehistóricos de Galicia continúa. López-Costas, xunto a Antonio Martínez Cortizas (ambos da Universidade de Santiago) e Gundula Müldner (da Universidade de Reading no Reino Unido); veñen de publicar un novo estudo sobre eles na prestixiosa publicación Journal of Archaeological Science. “Somos tamén un equipo interdisciplinar, neste artigo participamos unha arqueóloga, un edafólogo e eu, que son antropóloga física”, matiza López-Costas. Nel indagan sobre a dieta e a forma de vida destes antigos habitantes de Valdeorras. Esta investigadora galega está convencida de que estes ósos aínda teñen moito que contar e en abril viaxará ata a Universidade de Estocolmo, onde se pode facer ADN antigo.

 

Algúns dos restos humanos da Idade do Bronce atopados na Cova do Santo de Pardollán (Rubiá)./ Foto: Olalla López-Costas.
Algúns dos restos humanos da Idade do Bronce atopados na Cova do Santo de Pardollán (Rubiá)./ Foto: Olalla López-Costas.

É moi pouco habitual atopar este tipo de restos óseos na comunidade galega e máis no caso desta cronoloxía, pero a parte disto ¿que aspectos e singularidades destacaría destas pezas tras o tempo que as leva analizando e investigando?
É ben certo que constitúe unha rareza atopar restos óseos preservados de máis de dous mil anos no noso país. A terra é moi aceda, o que dana a parte mineral dos ósos. Precisamente o que máis destaca desta colección é o bo estado no que se atopan os restos. Están moito mellor conservados que outros moito máis recentes, como unha colección que temos en Pontevedra de fai 200 anos. Estes son de hai 3.800 a 3.600 anos e están en perfecto estado, probablemente polas condicións estables e o pH básico da cova. Isto axuda a facer calquera estudo, por exemplo na análise de dieta que acabamos de desenvolver.
¿Qué tipo de información están xa aportando estas pezas?
De momento sabemos que a cova parece que se usou como lugar de enterramento no período do Bronce Medio (1800-1600 antes de Cristo) e alí depositaban os corpos de mulleres, homes e nenos, sen aparente diferenciación por sexo ou idade. Determinamos un mínimo de 14 persoas, pero o número de individuos dentro da cova é probablemente moito maior, xa que se estudou unha pequena selección. Os ósos aparecen espallados polo chan e mesturados. Non sabemos se este espallamento é posterior ao enterramento ou deixaban os corpos noutro sitio e, unha vez pasada a putrefacción, levaban os esqueletos á cova. Teremos que investigar máis neste punto, xa que se detectaron exemplos de ambos tipos noutras covas de Galicia, Portugal ou o Norte da Península.
Outro aspecto destacado é que os restos atopados pertencían a persoas que morreron moi novas. Ningunha superou os 40 anos. Isto pode ser debido a que por azar as mostras estudadas eran de individuos que non chegaron a vellos, pero que si haxa esqueletos de anciáns noutras zonas da cova. Ou pode ser que a calidade de vida dura daqueles tempos supuña un condicionante para chegar a esas idades avanzadas que hoxe vemos tan normais: ningún destes individuos chegaría a xubilarse nos tempos de agora. Ademais varios teñen marcas de ter levado un traballo duro durante a súa vida, como leves signos de artrose nunha idade temperá.
Houbo un primeiro estudo sobre estes restos que aparecía na Revista da Real Academia Galega de Ciencias, pero agora vén de publicarse un novo traballo sobre estas mesmas pezas no Journal of Archaeological Science, ¿en que se centrou esta investigación e cales son as súas principais conclusións?
O primeiro estudo foi un traballo preliminar feito no mesmo ano que se tomaron as mostras porque considerabamos que era necesario publicar nunha revista da nosa terra este importante descubrimento canto antes. Fixemos a determinación do sexo e idade e estimamos algunhas características coma a estatura. Acabamos de publicar una análise máis ampla nunha revista internacional. Neste último artigo centrámonos máis na alimentación, sen esquecer as enfermidades ou a composición da poboación, que xa se esbozaran no traballo anterior. No concreto, queríamos ver se a introdución dos cultivos de verán, como o do millo miúdo, pode ser detectada na Cova do Santo ou noutras necrópoles da península.

Estes cultivos entran supostamente durante a Idade do Bronce e supoñen grandes vantaxes xa que se pode empregar a terra para outras labouras durante o resto do ano. O certo é que queriamos saber qué comían as persoas da cova e comparalo con outras poboacións da época. As nosas análises non amosaron indicios deses novos cultivos, cousa que si atopamos en xacementos do Sur peninsular. Os individuos da Cova do Santo comían moitos produtos vexetais e pouca carne ou peixe. O caso do peixe é destacable porque o río Sil corre moi próximo ao xacemento. Ademais, as trece persoas analizadas tiñan unha alimentación moi similar, polo que pensamos que non debería haber grandes diferenzas no acceso ao alimento entre eles.

 

Texto: Ángeles Rodríguez

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel de marzo do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button