CulturaCulturaÚltima hora

“Esta segunda novela tamén é de intriga e suspense, pero ten máis carga social”

Fernando Hernández González, escritor monfortino e policía local no Barco, publica "Gotas de esperanza"

Fernando Hernández, co seu novo libro “Gotas de esperanza” (Rubric, 2020)./ Foto cedida,

 

Marga é unha funcionaria de xustiza. Castigada por diversos feitos persoais e cansa dos abusos de determinadas elites empresariais e económicas, decide poñerse á cabeza dunha organización pacífica que busca cambiar a orde establecida, pero pronto descubrirá que enfrontarse ao poder sempre sae caro. “Sen querelo, convértese na líder do grupo, por ter unha especie de don, un carisma especial”, di Fernando Hernández González da protagonista da súa segunda novela “Gotas de esperanza” (Rubric, 2020), que vén de saír do prelo.

Novamente, este escritor monfortino, que traballa como Policía Local no Barco dende hai 25 anos, móvese no xénero da novela negra, “de intriga, de suspense”, aínda que nesta ocasión a obra ten “algo máis de carga social”. Son arredor de 400 páxinas que debullan unha loita entre o ben e o mal, entre “personaxes mellores e peores”, tendo como fío condutor unha “idea de mellora social”, adianta.

Así, o que comeza como “unha romántica idea de mellora social remata nun combate fatricida entre dous bandos desiguais. Os protagonistas enfróntanse cuns malos que non contaban que fosen tan poderosos, os poderes socioeconómicos, e esta loita trae unhas consecuencias”, conta Fernando Hernández, convidando ao lector a descubrilas adentrándose nas páxinas deste libro.

 

Portada do libro./ Foto cedida.

 

Confesa que é un lector empedernido e que comezou a escribir anos atrás movido polo reto de “intentar levar ao papel as ideas que me gustaban, estruturar unha historia, estudar os personaxes… Foi como unha especie de autoevaluación”. Froito diso nacía “Juguetes de lo desconocido” (2015) e agora, cinco anos despois, comparte co público un novo libro. “Escribir é unha afección, pero dentro diso gústame ser riguroso, que o traballo teña unha calidade”, comenta.

E, nesa liña, chega a “Gotas de esperanza”, que propón unha reflexión sobre a capacidade do ser humano para mudar o seu entorno. Ademais o seu novo libro ve a luz no marco dunha pandemia global, cargada tamén de consecuencias sociais e económicas cuxo prezo aínda está por ver. Para a súa edición non contou con axudas de ningún tipo de institución.

E, pese a este contexto, “no que as dificultades se multiplican e son eu mesmo o que me encargo de todo”, está iniciando con ilusión a divulgación da súa obra que pode mercarse nas librerías Agrasar, Fénix, Galicia e Pelayo de Monforte de Lemos e en Praxis no Barco. E xa ten en mente un novo proxecto literario.

Para ampliar información sobre o libro ou mercalo poden consultarse os seguintes enlaces:

https://www.novelagotasdeesperanza.com/
https://www.facebook.com/novelagotasdedesperanza/

Artigos relacionados

Back to top button