EntrevistasEspecial NadalMonográficos

“Esta terra está marcada pola auga”

Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, anuncia un novo plan termal nas provincias de interior

NavaCastro

Non só se trata de atraer ao maior número de turistas a Galicia. Tamén, de lograr a súa desestacionalización como destino. Neste dobre reto céntranse os esforzos da Axencia de Turismo de Galicia, unha nova estrutura organizativa que se poñía en marcha neste ano baixo a dirección de Nava Castro e que agora última un plan integral de turismo que que marcará as directrices desta lexislatura. Entre tanto, o sector móvese en cifras moi positivas.

“Neste ano temos alcanzado máximos históricos e a nivel nacional somos unha das comunidades que máis está medrando turisticamente en termos relativos”, asegura Castro. A provincia de Ourense non é allea a esta tendencia. E niso ten moito que ver o Camiño de Santiago, o turismo gastronómico e enoturístico, e, por suposto, o termalismo, en torno ao que xirará un novo produto que a Xunta prevé presentar antes de fin de ano. A directora de Turismo de Galicia valora positivamente as iniciativas termais que se están a promover na provincia como o plan especial da Deputación de Ourense ou a mostra Termatalia, pero lamenta que nunha cidade termal por excelencia como é a das Burgas, non haxa un balneario.

¿Como está a provincia de Ourense no marco galego? ¿imos máis despacio que as outras provincias ou non?

En tempada estival si, pero se vemos os datos dende a Semana Santa a provincia que mellor se comportou foi a de Ourense. E iso porque é unha provincia de interior que non está respondendo aos criterios de sol e praia e, loxicamente, no verán baixa, pero no resto do ano mantense e ten unhas cifras moi boas. Nos nove primeiros meses deste ano a provincia rebasou os 207.000 viaxeiros, o que implica unha suba do 0,6% a respecto dos rexistrados no mesmo período do 2012. De igual modo as pernoitas, con 308.339 foron superiores nun 2,2% ás rexistradas entre xaneiro e setembro de 2012. Nese tempo medrou a estadía media na provincia nun 1,6% e a ocupación nun 0,08% a respecto do mesmo mes do 2012. No caso da cidade das Burgas a estadía media tivo unha suba en setembro do 9,9% e nos nove primeiros meses do ano incrementouse nun 7,8% con relación ao pasado ano.

¿Que produtos poden permitir a desestacionalización de Galicia como destino?

O primeiro deles é o Camiño de Santiago. Durante os 365 días do ano chegan peregrinos, sobre todo polo Camiño francés, que é o máis transitado. No plan integral de turismo, que estamos elaborando, temos que plantexarnos un plan director do Camiño, onde se fale das necesidades actuais e futuras que se podan xerar tanto nos concellos como nos servizos que se lle prestan ao peregrino. Debe ser un plan director realista e que estea perfectamente dimensionado para a capacidade de turistas que van vindo grazas ao camiño. Ademais somos conscientes de que Galicia é unha terra marcada pola auga tanto marítima, como doce, e por esas augas termais que nos identifican tanto.

Somos a comunidade que xeotermicamente ten un o maior número de graos, algo que nos diferencia do resto e, ademais, somos líderes no sector termal en España. E iso tamén axuda a desestacionalizar o noso turismo e a que os meses fóra da tempada estival o interior de Galicia teña maior capacidade de atracción. Ao mesmo tempo, seguimos apoiando as rutas do viño, que tamén cruzan as provincias do interior, e o outono gastronómico, que combina o turismo rural coa gastronomía, da que temos unha variedade riquísima dependendo de se é montaña, val… Esa é a riqueza coa que contamos, a variedade, e podemos vender Galicia a gusto do consumidor, veña quen veña sempre atopará un recuncho que responda aos seus gustos.

Texto: Ángeles Rodríguez/ Santiago de Compostela
(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Especial Nadal de O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close