ConcellosÚltima hora

Estabilizados os incendios de Vilariño, Chandrexa, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo e Rairiz de Veiga

Nestes momentos continúan activos dous lumes na provincia: os de Lobios e Prado de Limia-Muíños

Un dos incendios rexistrados no municipio de Manzaneda./ Foto cedida.

 

Dous lumes forestais continúan activos e sen control na provincia de Ourense, tal e como informa neste mediodía a Consellería do Medio Rural: Lobios-Río Caldo (2.000 hectáreas no Parque Natural do Xurés) e o de Muíños-Prado de Limia (30 ha tamén neste parque natural).

Por outra banda, están estabilizados os incendios de Vilariño de Conso-Sabuguido, Chandrexa de Queixa-Queixa, Manzaneda-Cernado, Manzaneda-Paradela, A Mezquita-Cádavos e Montederramo-Gabín e Rairiz de Veiga-Sabariz (300 ha).

Rairiz de Veiga

Quedou estabilizado ás 10:36 h. desta mañá o lume rexistrado o domingo no municipio ourensán de Rairiz de Veiga, parroquia de Sabariz. Segundo as últimas estimacións, afecta unhas 300 hectáreas provisionais. Para a súa extinción mobilizáronse 27 axentes, 50 brigadas, 36 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Vilariño de Conso

Quedou estabilizado ás 21:35 h. do mércores o incendio rexistrado o domingo no municipio ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Sabuguido. Segundo as últimas estimacións provisionais da Consellería do Medio Rural afecta unhas 700 hectáreas.

Para o control deste lume lévanse mobilizado 21 axentes, 41 brigadas, 17 motobombas, 4 pas, 18 helicópteros e 9 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Manzaneda

Estabilizado ás 20:43 h. do mércores o lume rexistrado o luns no municipio ourensán de Manzaneda, parroquia de Cernado. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 850 hectáreas. No seu control levan traballado 1 técnico, 8 axentes, 18 brigadas, 6 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 10 avións.

Tamén quedou estabilizado, ás 20:35 h de onte, o lume iniciado o luns neste municipio pero na parroquia de Paradela, ao que se lle uniu un terceiro orixinado na parroquia de San Martiño, o que evidencia a clara intencionalidade, tal e como indica Medio Rural. Entre os dous suman unha superficie provisional dunhas 400 hectáreas. No lugar levan traballado ata o momento 1 técnico, 21 axentes, 42 brigadas, 28 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 4 avións.

Montederramo

Estabilizado ás 21:50 h. do mércores o lume que comezaba o luns no municipio ourensán de Montederramo, parroquia de Gabín. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 30 hectáreas. Para o seu control lévanse mobilizado 15 axentes, 24 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 7 helicópteros e 6 avións.

A Mezquita

Estabilizado ás 21:10 h. do mércores o lume que entrou o luns dende Zamora, segundo Medio Rural, e que afecta o concello da Mezquita, parroquia de Cádavos. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 450 hectáreas. Para a súa extinción lévanse mobilizado ata o de agora 9 axentes, 24 brigadas, 9 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 4 avións.

Chandrexa de Queixa

Estabilizado ás 20:44 h. do mércores o lume que se orixinou o domingo na parroquia de Queixa, concello ourensán de Chandrexa de Queixa. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de 500 hectáreas. Na súa extinción levan traballado ata o de agora 1 técnico, 14 axentes, 28 brigadas, 11 motobombas, 2 pas, 12 helicópteros e 2 avións.

Controlados os incendios de Cualedro, Vilar de Barrio, Requiás-Muíños e Trives

Permanecen controlados dende as 20:46 h. do mércores os dous incendios rexistrados no concello ourensán de Cualedro, parroquia de Montes. O máis grande dos lumes iniciouse o domingo e, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unhas 1.300 hectáreas, tal e como informa Medio Rural. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 1 técnico, 28 axentes, 41 brigadas, 27 motobombas, 5 pas, 8 helicópteros e 4 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

O segundo dos incendios comezou o luns e afecta, segundo as últimas medicións provisionais, unhas 80 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 8 axentes, 8 brigadas, 10 motobombas e 5 helicópteros.

Ademais está controlado dende as 21h. do mércores o lume que se iniciou o sábado no concello ourensán de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechau. De acordo coas últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 700 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 14 axentes, 34 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 11 helicópteros e 14 avións.

Así mesmo ás 21h. do mércores controlábase o lume do concello de Muíños, parroquia de Requiás, que afecta provisionalmente unhas 11 hectáreas do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. “Este incendio iniciouse en dous focos diferentes e simultáneos, o que apunta a unha clara intencionalidade”, sinalan dende Medio Rural. Polo de agora, para o seu control lévanse mobilizado 3 axentes, 10 brigadas, 6 motobombas, 4 helicópteros e 2 avións.

Segue tamén controlado, dende as 2:01 h. do martes, o lume que se iniciara o luns no concello ourensán da Pobra de Trives, parroquia de Pena Petada, que afecta unhas 50 hectáreas provisionais. No seu control levan traballado ata o momento 2 axentes, 2 brigadas, 2 motobombas e 1 helicóptero.

Extinguido o incendio de Vilardevós

Extinguido ás 21,18 h. do mércores o lume do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervo. A superficie afectada foi de 296,29 hectáreas de monte raso. Na súa extinción traballaron 27 axentes, 34 brigadas, 25 motobombas, 4 pas e 8 helicópteros.

Artigos relacionados

Back to top button