ConcellosÚltima horaVilamartín

“Estamos á espera dos informes do que pasou e de que o que se faga a partir de agora non supoña ningún perigo”

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, valora a situación tras a rotura da comporta central da presa de Valencia do Sil, situada no seu municipio

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Apenas 14 horas despois da rotura da comporta central da presa de Valencia do Sil, o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro, que estivo en todo momento pendente da situación, valoraba para o Periódico O SIL o suceso. “En principio, o que podo destacar é o susto dos veciños cando sentiron o estoupido desa comporta central que provocou que saíse voando, polo que dicía alguén que pasaba pola zona. Aquí ás catro ou ás cinco da tarde acostuma haber pescadores entón se iso chega a acontecer nese momento podía ter sido unha desgraza, pero afortunamente non foi así”.

O rexedor tamén indica que “séguenos preocupando, e estamos pendentes de que nos pasen informes técnicos, que digan que é o que pasou e que tipo de medidas se van tomar. E supoño que tamén se pedirán informes para que o que se faga a continuación non supoña ningún perigo e que todo volva ao seu cauce normal. Estamos á espera deses informes”.

 

Xente vendo a comporta rota que aparecía 3 km augas abaixo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Enrique Álvarez sinala así mesmo que “o encoro estaba ao nivel que tiña habitualmente, pero coincidiu que só foi unha comporta, entón só sae unha determinada cantidade de auga. Loxicamente se foran todas as comportas á vez podería ter sido un problema grande, pero foi só unha comporta e auga saíu paulatinamente, sen provocar danos. O que nos transmiten os técnicos, tras comprobar as zonas que eles teñen controladas por enchentas e que presentan perigo de desbordamento, é que, en principio, todo foi relativamente correcto”.

Artigos relacionados

Back to top button