En portadaÚltima hora

“Estamos nunha situación desesperante”

Os gandeiros da montaña do oriente ourensán demandan axuda urxente das administracións para poder manter as súas explotacións ante a persistente e longa seca que afecta á zona

Hai apenas un ano Xoán incorporábase á actividade agraria como gandeiro, á fronte dunha explotación dunhas 300 ovellas en Ardexaxe (Viana do Bolo) co nome de Gandeiría A Ciruxana. Comezaba a actividade moi ilusionado e coa satisfacción de poder adicarse ao que máis lle gustaba. “Eu sempre quixen facer vida no rural e estudei un ciclo orientado a isto”, comenta.

Sen embargo, meses despois de dar o paso ese proxecto estase convertindo nun grave problema debido ás consecuencias que a seca está tendo na súa explotación. Unha situación que cada día que pasa, vai a peor. “A miña situación agora mesmo é totalmente desesperante. Eu incorporeime este ano, cun investimento bastante alto e agora mesmo temos que seguir porque temos un compromiso de cinco anos, pero para mantelo imos ter que pedir un crédito para comprar forraxe… O futuro é moi incerto”, di con tristeza, a pouca distancia do seu rabaño que se viu obrigado a reducir ata 250 ovellas “para podelas manter. Estamos gastando a pouca herba que segamos. Debería ter segado 200 bolos, sen embargo só seguei 30, e tiven que comprar un camión de palla, outros dous de herba e a un prezo altísimo. O futuro preséntase moi negro e arrepíntome de terme incorporado”.

Xoán, da Gandeiría A Ciruxana, atendendo aos medios de comunicación./ Foto: Carlos G. Hervella.

Lamenta o abandono das Administracións ante esta difícil situación que están atravesando el e o resto de gandeiros, agricultores e apicultores da montaña do oriente ourensán. “A Xunta tennos abandonados, tanto falar do rural e isto é unha vergoña… Nunca se presentou aquí ningún cargo da Xunta para preguntar e preocuparse… Como isto siga así, non sabemos que facer”, di con tristeza este mozo natural de Vilariño de Conso.

A situación e experiencia que está vivindo contáballa aos deputados provinciais socialistas Francisco Fraga e Miguel Bautista, que se achegaban ata as terras vianesas para coñecer de preto esta problemática que veñen arrastrando dende hai meses os produtores. Nesta visita estaban acompañados polos tamén gandeiros Santiago Barja, concelleiro de Viana, e María Páez, responsable comarcal de Unións Agrarias na zona de Viana.

 

A gandeira María Páez./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Hai xente que xa non ten nada para darlle de comer aos animais, tivo que comprar, porque o que colleu foi moi pouco”, asegura María Páez, “estamos tirando do que tiñamos para o inverno, que era mísero, pero isto é unha situación xa desesperante, e botámosllo en cara á Administración, que pensamos que tiña que vir, ver o que hai e ver o que está pasando”. Esta gandeira vianesa está convencida de que ante unha situación excepcional de seca como esta é a Administración a que debe afrontar este grave problema. “Isto é unha cousa extraordinaria que non pasa todos os anos, e estamos nunha zona de Galicia na que hai unhas condicións meteorolóxicas totalmente diferentes e que teñen que botar man dela. A nós non os vale que nos estean dicindo que nos adiantan a PAC, cando estamos en outubro e sempre se pagou en outubro, ou que nos dan uns créditos que saben que non imos poder pagar. E aínda por riba están tapándolle a cara á sociedade, non se pode dicir que nos están axudando cando é mentira”.

Páez insite tamén en que a gandeiría non é un negocio como “un bar, non é unha perruquería que se me vai mal, pecho a porta, non pago impostos e diminúo gastos doutra cousa. Aquí non podo, detrás disto hai uns animais que comen e beben todos os días e non hai máis e para darlle de comer e de beber, e eu teño que producilo e se non o podo producir porque as condicións meteorolóxicas foron adversas teño que compralo, pero para compralo necesito diñeiro e se non o teño, ¿que fago?”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información:
https://www.osil.info/visita-zona-cero-da-sequia-dos-deputados-provinciais-socialistas-francisco-fraga-miguel-bautista/

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close