Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Estanislao Reverter Sequeiros, fillo predilecto oficial de Ourense

O Concello fixo entrega esta mañá do diploma acreditativo á familia do piloto desaparecido e fixo descuberta da placa que bautiza os xardíns da Subdelegación do Goberno co seu nome

Ourense ten dende hoxe ao histórico piloto de rallyes Estanislao Reverter Sequeiros como fillo predilecto da cidade. O Concello celebrou esta mañá o acto protocolario para darlle así cumprimento ao expediente de honra aprobado polo pleno do pasado 6 de maio. O recoñecemento chega a título póstumo, 25 anos despois da desaparición do coñecido como “Lalao” Reverter. Considerado pai do automobilismo galego, foi empresario de éxito e impulsor do Rallye de Ourense. Esta mañá foron os seus cinco fillos, acompañados de familiares e amigos, os que recollían o diploma acreditativo.

O primeiro encontro tivo lugar no salón de plenos do propio Concello. Alí, o concelleiro de Deportes, Mario Guede, explicou o motivo de outorgar a máxima distinción ao ourensán, que contou con miles de adhesións. Logo, o secretario do Concello deu lectura á acta na que se acordou a distinción, para dar paso posteriormente a un emocionado Luis Reverter Gil, fillo do homenaxeado. Este recordou ao seu pai como un cidadán sempre moi vencellado a Ourense: “Sempre tivo unha relación perenne coa cidade”, dixo, e tras recordar brevemente os principais fitos históricos do seu predecesor, engadiu: “é unha satisfacción estar aquí neste magno salón, con esta distinción, que seguro el tamén senterá”. Un caloroso aplauso arroupou as súas verbas, que comezaban a entrecortarse.

A segunda parte deste acto tiña xa lugar nos xardíns aledaños á Subdelegación do Goberno. Alí, ao lado da escultura de Reverter e Colemán co célebre Alpinche, o alcalde descubriu unha placa co nome de Lalao, que dende hoxe pasa a bautizar así a praciña. Nesta ocasión, a familia tamén tivo voz de agradecemento, esta vez palabras asinadas por outro dos seus fillos, Santiago Reverter Gil. “O lugar no que nos atopamos sempre formou parte da súa vida”, explicou, e lembrou que unha das partes máis importantes do seu legado, o Rallye de Ourense, cumprirá para o ano a súa 50ª edición: “o ano que vén celebraremos as vodas de ouro dun soño que el comezou alá polo ano 1967”.

Texto: Sara Fontenla
Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button