En portadaÚltima hora

“Estas concentracións en defensa do Hospital de Valdeorras son xeradoras de médicos”

Así o destaca a Xunta de Persoal do centro valdeorrés que chama a seguir mobilizándose por "unha sanidade digna para os cidadáns das comarca deste distrito sanitario"

 

“Listas de agarda de 14 meses, desprazamentos a Ourense para unha dislocación de muñeca, para unha visita ao cirurxán ou mesmo para o xinecólogo…”. Era a situación que tanto a Xunta de Persoal do Hospital Público de Valdeorras como os propios pacientes expoñían, novamente, na concentración en defensa deste centro que se vén celebrando cada mércores, dende primeiros de outubro ás 12h. no exterior das súas instalacións.

“Todos coñecemos a realidade e o que non o queira ver é que se engana a si mesmo”, aseguraba Víctor Pariente, un dos representantes da Xunta de Persoal do HPV. E explicaba que “é importante que saibades que a Xunta de Persoal podía pasar olimpicamente deste tema porque a nós elíxennos para defender as condicións laborais dos traballadores. Sen embargo, non pasamos porque somos cidadáns do Distrito de Valdeorras e porque, ao fin e ao cabo, somos usuarios da sanidade pública tamén”.

Ademais Pariente incidía en que “a culpa de que a situación estea como está é da “boa” xestión da Xunta, que son cargos electos politicamente. Que demostren con datos fehacientes, con listas de espera transparentes, que o que dicimos non é certo, porque a lista de espera para a lista de espera é aínda máis grande que a lista de espera. Non é o que din eles, aquí a cuestión é moi sinxela, hai que reformular a sanidade pública efectivamente en toda Galicia, de feito o domingo que vén hai manifestación en Santiago; pero hai que reformala para que nas comarcas, nos distritos que teñan hospitais comarcais como este dispoñan dunha atención digna, nin máis nin menos que os demais. Sabemos que non podemos ter todo, pero dende logo que para que te vexa un traumatólogo, un xinecólogo ou un cirurxán, e así sucesivamente… teñamos que ir a Ourense é denigrante”.

Neste senso, os represantantes da Xunta de Persoal chamaban aos veciños das comarcas de Valdeorras, Terras de Trives e Viana do Bolo a seguir mobilizándose, participando nestas concentracións dos mércores e tamén na manifestación prevista para o vindeiro 28 de novembro. “Estas concentracións son xeradoras de médicos porque estar xuntos e protestando moléstalles moito. Imaxinade o que vai supor unha boa manifestación”, apuntaba Suso Vilasánchez. E lembraba que “se dende a Consellería de Sanidade queren falar con nós que o fagan, levamos pedindo que debatan con nós en público dende que empezaron as concentracións”.

 

 

Mocións en defensa do Hospital de Valdeorras nos concellos

Por outra banda, dende a Xunta de Persoal, tanto Suso Vilasánchez como Víctor Pariente, lembraban que se están presentando mocións en defensa da recuperación dos servizos perdidos no Hospital Público de Valdeorras e de apoio á manifestación nos diferentes concellos. “Por agora, só no Concello do Barco todo o pleno apoiou as nosas reivindicacións como xente de a pé”.

E referíanse de xeito especial á postura do grupo de goberno popular da Rúa e a un dos concelleiros do RUA, que votaron en contra desta moción no pleno do pasado luns. “O alcalde da Rúa permitiuse o luxo de dicir que alababa a xestión da Xunta de Galicia no Hospital Público de Valdeorras, é dicir, que está de acordo en que nos desmantelen, é dicir, que non quere sanidade pública para os cidadáns da Rúa e dos concellos que compoñen o Distrito de Valdeorras”.

Fotos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button