OurenseÚltima hora

Este ano as Bonitas cederán o protagonismo aos “mecos” no Entroido de Sande

Se a situación o permite, na primeira fin de semana de febreiro irán tomando posición en diferentes recunchos do pobo

Grupo de Bonitas, figura central do Entroido de Sande (Cartelle). /Foto cedida.

 

A pandemia do Covid-19 trouxo consigo a cancelación de numerosas actividades culturais e, tras un ano de restriccións, este 2021 comeza con novas medidas para tratar de combatir a pandemia. Dende a Asociación Entroido As Bonitas de Sande (Cartelle), son conscientes de que esta festividade non se pode celebrar tal como se viña facendo.

“A situación obrigounos a cancelar actividades que tiñamos pensadas para seguir camiñando na difusión do Entroido de Sande, como obradoiros de máscaras ou conferencias en centros educativos e residencias de maiores”, explican dende a asociación. A última das actividades previstas en verse afectada foi un obradoiro co que, “en previsión de que o Entroido se ía suspender, poder elaborar “mecos” en pequenos grupos de xente, (gardando distancias, con máscara e xel hidroalcohólico) para colocalos polo pobo e darlle un toque festivo que sacase un sorriso aos veciños ou visitantes que se achegasen a velos”.

Coas novas medidas, este obradoiro que se ía realizar a partires do día 18 de xaneiro, un día despois do comezo do ciclo do Entroido en Sande, queda anulado. Pero, con todo, “non imos deixar que esta situación remate coa nosa festa, así que moitos dos veciños de Sande están nas súas casas en plena elaboración e recuperación dos “mecos” doutros anos para colocar polas diferentes rúas da localidade”, aseguran.

Así pois, se todo vai ben, e a situación o permite, na primeira fin de semana de febreiro os “mecos” irán tomando posición en diferentes recunchos do pobo para lembrar a todos a época na que estamos. “Xa hai unha ducia de “mecos” que confirmaron a súa asistencia, e está previsto que polo menos, outra ducia secunden a participación. Un acto simbólico co que non perder de todo a tradición e a ilusión do Entroido, respetando as medidas e con total seguridade”, comnclúen dende o colectivo.

Artigos relacionados

Back to top button