CulturaCulturaÚltima hora

Este ano non haberá Xornadas de Folclore

Estaban programadas para o mes de agosto en 16 localidades da provincia entre as que estaban a Pobra de Trives, Viana do Bolo, O Barco de Valdeorras, Manzaneda e A Rúa, e quedan aprazadas ata 2021

As Xornadas de Folclore do 2019 no Barco. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dada a situación provocada pola crise do Covid-19 e o risco que suporía o desenvolvemento desta actividade, na que participan 190 persoas de grupos folclóricos de catro continentes e máis de 40 da organización, a Deputación de Ourense tomou a decisión de aprazar ata 2021 as XXXVII Xornadas de Folclore que ían celebrarse do 10 ao 19 de agosto de 2020 en 16 localidades da provincia: Celanova, Pobra de Trives, Viana do Bolo, Allariz, Entrimo, O Barco, Manzaneda, Verín, O Carballiño, Xinzo de Limia, Castro Caldelas, A Rúa, Ourense, Bande, Maceda e Ribadavia.

A decisión, comunicada na mañá deste 5 de maio polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, ao remate da reunión do Comité de seguimento do COVID-19 na provincia de Ourense, tómase despois de “dialogar co equipo do Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo e co director artístico das xornadas, Xulio Fernández, que aconsellan que debido ao momento tan complicado que se está a vivir se suspenda a presente edición”, explica Baltar, engadindo que tamén se tivo en conta a opinión de Francisco Javier García Gómez, director do Centro Residencial Docente de Ourense -no que estaba previsto o aloxamento de 210 persoas, entre participantes e colaboradores da organización-, quen consideraba pouco idónea a convivencia deste grupo durante dez días en dito centro.

A Deputación de Ourense tamén decidiu que sexan os mesmos grupos confirmados para este ano -de Sudáfrica, Rusia, Corea, Arxentina, Irlanda do Norte e Taiwán- os convidados da vindeira edición, que se celebrará entre o 9 e o 18 de agosto 2021.

Artigos relacionados

Back to top button