CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

“Este é un libro de relatos que nacen da tradición oral, á que queremos homenaxear”

Os limiaos Delfín Caseiro e Antón Jardón presentaban no Barco "A luz da chuvia", nun acto no que estaban acompañados por Gustavo Docampo e por Anxo Rei

Son “entretidos, amenos e leais á nosa condición de galegos”. Deste xeito cualificaban os autores de “A luz da chuvia”, Delfín Caseiro e Antón Jardón, os dez relatos que compoñen este libro durante a concorrida presentación que se celebraba no Barco na tarde do 24 de xaneiro na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán.

O acto abríase coa intervención de Gustavo Docampo, técnico de Cultura do Barco, quen lembraba as traxectorias dos dous autores, comezando por Delfín Caseiro (Rairiz de Veiga, 1954), catedrático de Lingua Galega e Literatura e inspector de educación, que nos anos 80 impartiu clases no instituto barquense, “foi un gran profesor e na memoria dos seus alumnos iso queda”. Por outra banda, recordaba que Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952) é secretario-interventor de administración local xubilado e exerceu cargos como os de alcalde do seu concello, deputado provincial ou delegado da Consellería de Industria no bipartito.

“Ambos son limiaos, vellos amigos e participan en proxectos comúns como o Padroado do Museo da Limia, onde son presidente e coordinador”, matizaba Docampo, quen se refería á súa nova obra, “A luz da chuvia”, como un “libro de agradable lectura, evocador dun tempo pasado e dun espazo en particular: o das terras da Limia onde se criaron”.

Ademais facía un percorrido polo ronsel de personaxes que poboan este conxunto de relatos, tanto os principais como os secundarios, que van ensarillando casos e anécdotas, que dan lugar a pequenas historias dentro do relato principal, e “que nos transportan ao mundo rural e a unha sociedade que vive ao ritmo da natureza, con días de “fame e noites de debilidade” como di o título dun dos relatos”, pero nas que tamén se bota man da retranca “como unha especie de raiola de luz, como a luz da chuvia, o humor é o antídoto”. Finalmente, Docampo destacaba que “esta construción literaria partillada” bebe da “etnografía e da antropoloxía da comarca da Limia” e recomendaba “con entusiasmo a súa lectura”.

 

 

Nesa mesma liña Xosé Antón Jardón Dacal indicaba que “as bases destes relatos están na Limia, pero poden trasladarse a calquera parte da nosa Galicia interior” e resaltaba que estas historias supoñen “unha maneira de que se conserve o elemento diferencial do noso rural, que foi desaparecendo e, con especial intensidade, nos últimos anos”; xunto cunha “defensa da nosa lingua. Para nós a nosa patria é a lingua galega, é o que nos fai en boa maneira ser como somos”.

Pola súa banda, Delfín Caseiro amosaba a súa satisfacción de poder estar no Barco presentando este libro. “Os lugares cada vez máis fanse máis sentimento e para min Valdeorras é un sentimento que cada vez está máis interiorizado, pasamos aquí uns anos marabillosos”. E logo afondaba no “fermoso proxecto” que deu lugar a “A luz da chuvia”, unha “obra colaborativa, que nace da amizade, dunha serie de afinidades, de preocupacións e de compromisos que nos veñen acompañando ao longo da nosa existencia”.

E coincidía coas anteriores intervencións en que se trata “dun texto de relatos que nacen da oralidade, da tradición oral que queremos homenaxear porque na Galicia falada está en boa medida o resultado do que temos, do que chegou a nós”, polo tanto, é “unha homenaxe a ese tempo pasado que non desapareceu de todo, que segue estando presente nas nosas vivencias, é un elemento que conforma a nosa singularidade”.

 

 

Tanto Jardón como Caseiro agradecían o apoio das súas esposas, Rita e Pepa, para poder facer realidade este libro “a elas está dedicado”, e tamén a implicación das diferentes persoas que colaboraron para realizar a presentación no Barco. Un acto que concluía cunha actuación moi especial do cantautor valdeorrés Anxo Rei, quen interpretaba un poema de Rosalía, outro do limiao Antón Tovar e unha versión moi arriscada e interesante de “Aí vén o Maio”.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Artigos relacionados

Back to top button