DeportesÚltima hora

Este sábado inaugúrase a pista hidráulica de atletismo de Ourense, a primeira destas características en Galicia

A pista cuberta emprazada no recinto de Expourense, inaugurarase cun torneo no que participarán preto de mil deportistas
Foto de grupo da presentación. // Foto: Carlos Asensio.

Preto dun milleiro de deportistas acudirán este sábado a Ourense para celebrar o Torneo Inaugural da pista de atletismo cuberta, emprazada no recinto feiral de Expourense. Organizada polo Concello de Ourense e a Federación Galega de Atletismo, co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, a proba consta de dúas partes: a fase final de Liga Abanca, para idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, e probas abertas para os mellores atletas de Galicia e do norte de Portugal.

A competición comezará ás 10:30h. cos máis novos, uns 350 benxamíns e alevíns e a sesión matinal coa cerimonia de entrega de premios aos mellores equipos da cada unha das categorías. Pola tarde, ás 17h. proseguirá a competición coas categorías infantís e, de xeito paralelo, están programadas probas para as categorías de cadete en adiante (haberá outros 350 participantes) e para as probas sénior (200 atletas).

Estímase que o día da competición se despracen a esta nova instalación un milleiro de deportistas, contando con xuíces e preparadores. As gradas teñen capacidade para 500 persoas e, para eventos de moita participación, pódense ampliar ata os 1.500, o que converterá este evento “nun verdadeiro día de festa para o atletismo galego e o deporte da cidade de Ourense”.

Á presentación da proba, que tiña lugar na mañá do 12 de decembro, asistiron Mario Guede, concelleiro de Deportes do Concello de Ourense; Juan Anta, responsable da Área de Deporte da Deputación; Marisol Díaz, delegada da Xunta en Ourense; Manuel Blanco, vicepresidente da Federación Galega de Atletismo; José Alfonso Palomares, atleta ourensán -triple salto- do FC Barcelona; Alejandro Rubín, xerente de Expourense; Marta Míguez, secretaria Xeral para o Deporte; e Jesús Vázquez, alcalde de Ourense.

Juan Anta asegurou que este é un día “de moita alegría” xa que a inauguración “vai repercutir no turismo e na vida dos cidadáns de Ourense”. Asemade, asegurou que dende a Deputación van seguir promovendo esta instalación para que “sexa un referente”, unhas declaracións que subscribiu o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Manuel Blanco.

Pola súa banda, o atleta ourensán José Alfonso Palomares, reiterou que os atletas estamos “moi agradecidos e contentos por ter esta pista que é unha das mellores de España”.

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, aseverou que esta nova instalación “supón un fito na historia do deporte e do atletismo galego”. Asemade, reiterou que esta “xoia”, dixo, estea nas mellores mans e por iso van asinar un convenio con Expourense. A secretaria xeral confesou que supón “un orgullo como ourensá e como atleta” inaugurar esta pista.

Neste senso, Alejandro Rubín, xerente de Expourense, afirmou que “é moi bonito que a Xunta decida cedernos a xestión”. Reiterou a súas esperanzas de que “este proxecto alcance o nivel internacional tal e como fixemos con outras iniciativas”. Tamén o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, amosou o seu orgullo pola apertura da instalación deportiva.

Artigos relacionados

Back to top button