CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Estrea de Sicixia no Festival Internacional de Cine de Xixón

A longametraxe do cineasta valdeorrés Ignacio Vilar, compite na Sección Oficial con 15 filmes internacionais

Sicixia (Vía Láctea Filmes, TVG), a última longametraxe do director petinés, Ignacio Vilar, estreábase este luns 21 de novembro na Sección Oficial do 54º Festival Internacional de Cine de Xixón diante de máis de 300 espectadores. A proxección no Teatro Jovellanos era presentada polo seu director e os actores protagonistas, Marta Lado e Monti Castiñeiras.

Na rolda de prensa posterior á proxección, o programador do FICX, Jorge Argiz, subliñou que Sicixia “é a primeira longametraxe rodada en galego que participa neste longevo festival”, e tamén adicou unhas verbas de recoñecemento á actriz protagonista, a fisterrá Marta Lado, que vén de recibir un galardón no XXI Festival Cinespaña de Toulouse (Francia).

Sicixia compite na categoría de ficción con 15 fitas procedentes de EEUU, Francia, Italia, México, Irán, Bulgaria ou Filipinas, entre outros, e opta aos seguintes galardóns: Premio Principado de Asturias á Mellor longametraxe; Premio ao Mellor Director; Premio á Mellor Actriz; Premio ao Mellor Actor; Premio ao Mellor Guión; Premio Especial do Xurado. A Gala de Clausura do 54º FICX terá lugar o sábado, 26 de novembro.

No marco da campaña de promoción da estrea en cines do filme o venres 25 de novembro, o vindeiro xoves día 24 celebrarase unha preestrea do filme nos Cines Xunqueira de Cee e unha estrea nos Multicines Bergantiños de Carballo o venres 25 de novembro, citas ás que asistirán o director Ignacio Vilar, a actriz Marta Lado e o actor Monti Castiñeiras, acompañados doutros membros do elenco coma Arantza Villar, Daniel Trillo ou Artur Trillo.

Artigos relacionados

Back to top button