OurenseÚltima hora

Estrea galega de “Doghs”, encontro de produción luso-galego e foro de posprodución no 22 OUFF

Comeza a desenvolverse o programa de actos do 22º Festival de Cine Internacional de Ourense
Apertura do III Encontro Profesional de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia no Liceo de Ourense.

Encontros da industria audiovisual galega e portuguesa, formación e estrea. O amplo abano de propostas do 22 Festival de Cine Internacional de Ourense comeza a despregarse tras a gala inaugural da pasada noite. Na xornada do 21 de outubro comezaba, no marco deste certame, o III Encontro Profesional de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia no Liceo de Ourense. Esta xuntanza entre empresas produtoras galegas a portuguesas (organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC, en colaboración co Instituto de Cinema e do Audiovisual de Portugal), posibilita cada ano o contacto directo dos creadores con posibles socios estratéxicos na coprodución de proxectos audiovisuais. Nesta ocasión, as empresas participantes foton quince galegas e trece portuguesas.

 

Outra imaxe deste encontro de produtores galegos e portugueses./ Foto: Daniel Gallego.

Ao mesmo tempo, no Auditorio Municipal, principaba a primeira edición de ÁNCORA, o foro de posprodución para longametaxes en proceso avanzado do OUFF. Nesta primeira xornada presentaron os seus proxectos ante o comité asesor (formado por Martin Pawley, Ana Isabel Strindberg e Marilia Rocha) o cineasta Alberto Gracia (Eco) e a directora Diana Toucedo (Puerto Deseado). Mañá será a quenda de Eloy Domínguez Serén, que presentará Hamada, e Tiago Hespanha, que fará o mesmo con Campo. Os asesores aconsellarán aos cineastas e serán os encargados de elixir que os filmes que levarán os premios dos que ÁNCORA fai entrega: o Premio Cinemar Fims (premio de posprodución de Son en Cinemar Films valorado en 7.000 euros) e o Premio NUMAX (premio de posprodución de imaxe no Laboratorio NUMAX, valorado en 4.000 euros).

 

Primeira edición de ÁNCORA./ Foto: Daniel Gallego.

O programa do festival continúa incidindo na formación. Impartíase a masterclass de efectos especiais físicos de Federico Ransenberg no Centro de Innovación Social Digital La Molinera. O propio Ransenberg repasou os distintos tipos de efectos especiais físicos, ofrecéndolles á vintena de persoas asistentes ferramentas para avaliar os efectos, tanto dende o punto de vista técnico como no relativo a dirección, produción ou iluminación.

Masterclass de Rasenberg./ Foto: Daniel Gallego.

Comezan as proxeccións

A partir da tarde, comezarán as proxeccións dos filmes nos Cines Pontevella e o Auditorio Municipal. É o caso de Dhogs, que se estreaba ás 17h00 no Auditorio. Neste relato un estraño personaxe cruza as rúas da cidade ao volante dun taxi, mentres no bar dun luxoso hotel está Alex, unha muller que goza dunha última copa, inconsciente dos sucesos que a sobrepasarán nas próximas horas. Unha fugaz aventura cun executivo levaráa a unha espiral de violencia sen sentido aparente, obrigándoa a percorrer unha senda de sufrimento fóra do seu control.

Rolda de prensa dos membros do equipo de “Doghs”./ Foto: Daniel Gallego.

Andrés Goteira, o director da película, contaba esta mesma mañá en rolda de prensa no Centro Comercial PonteVella que se trata dun filme no que pretende “xogar co espectador, cos personaxes e coas atmosferas”, feito co que concordou Antonio Durán “Morris”, actor, ao apuntar que “Andrés e esta película explotan ao máximo os planos e o desacougo do espectador en cada secuencia”. Na presentación tamén estiveron presentes parte do equipo técnico e o elenco de Dhogs como Melania Cruz, Antonio Durán “Morris”, Carlos Blanco, Iván Marcos, Xosé López, Enrique Lojo e María Costas.

Ademais, esta mesma tarde entro do marco do fetival tarán lugar as proxeccións de A cidade onde envelheço (17:00. Cines Ourense PonteVella-Galicine. Asiste Marília Rocha, directora); Vermelho russo (19:30h. Cines Ourense PonteVella-Galicine. Asiste Charly Braun, director); Balnearios (19:30h. Cineclube Padre Feijoo. Asiste Mariano Llinás, director); Señorita María, la falda de la montaña (22:15. Cines Ourense PonteVella-Galicine. Asiste Rubén Mendoza, director); e Trinta lumes (WIP), asiste Diana Toucedo, directora). A xornada finalizará co concerto gratuíto de Puma Pumku en El Pueblo Café Cultural.

Artigos relacionados

Back to top button