EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Estréase o documental “O Camiño do Viño. Historia dun Arrieiro”

Este filme, promovido pola Ruta do Viño do Ribeiro, aposta por impulsar "os valores históricos e culturais de esta comarca, como recursos enoturísticos e de dinamización local”

Imaxe da estrea do documental./ Cedida.

 

O documental “O Camiño do Viño. Historia dun Arrieiro”, obra de Xoel Méndez, estreábase onte no Teatro Principal de Ourense coa asistencia de representantes do goberno autonómico, provincial e dos diferentes concellos da comarca do Ribeiro. Este proxecto, promovido pola Ruta do Viño do Ribeiro coa colaboración do Consello Regulador desta D.O., foi financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

A Asociación Ruta do Viño do Ribeiro, dende 2019, veu definindo a súa estratexia promocional en torno ao “O Camiño do viño”, como un concepto que engloba os recursos históricos e patrimoniais que a cultura do viño deixou nesta enocomarca e que hoxe encaixan á perfección no produto turístico Ruta do Viño do Ribeiro. Esta estrexia promocional inclúe diversas accións na que se encadra este documental que ten como obxecto recuperar o valor da figura do arrieiro como protagonista da importancia histórica, social e económica que o viño do Ribeiro tivo para esta comarca en particular, e para Galicia en xeral, durante séculos.

Ao longo deste documental faise unha viaxe con este histórico arrieiro polos sendeiros do Ribeiro que percorría camiño de Compostela para a comercialización do produto estrela da comarca. O arrieiro foi unha figura histórica que coa compaña da súa recua de mulas e os seus cantares tiña como destino a capital de Galicia, mercado principal do Viño do Ribeiro.

Segundo o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro e do CRDO Ribeiro, Juan Manuel Casares, unha das finalidades das accións desenvolvidas pola Ruta do Viño do Ribeiro é “Espertar a memoria de Galicia respecto do Ribeiro, un territorio e un viño que durante séculos foron motores económicos da nosa terra, así como poñer en valor un rico patrimonio material e inmaterial que nalgún intre debe ser reivindicado.”

Verbo do simbolismo do Camiño do Viño e da figura do Arrieiro, apunta Juan Manuel Casares que “O Camiño do Viño ten un simbolismo especial xa que significa en realidade moitos camiños: tanto as rutas de peregrinos que ían cara Santiago; os camiños que os arrieiros seguían para comercializar o viño Ribeiro por toda Galicia, como a metáfora dunha comarca vitivinícola no seu percorrido pola historia onde chegou a ser, durante moitos séculos, o gran viño nacional de Galicia”.

O Camiño do viño, como marca enoturística do Ribeiro

“O Camiño do viño” naceu no ano 2019 como unha marca da Ruta do Viño do Ribeiro que aspiraba a ser un paraugas que acubillase toda a promoción do Ribeiro como destino enoturístico. O obxectivo principal desta marca consiste na aposta decidida por potenciar o territorio do Ribeiro e revitalizar esta comarca vitivinícola histórica. Para iso ponse en valor o territorio, a paisaxe, os recursos arquitectónicos culturais e outros coma o termalismo, utilizando o viño Ribeiro e a riqueza da súa historia como fíos condutores.

A materialización desta marca foi posible nos seus inicios grazas á colaboración institucional entre a Ruta do Viño, O Consello Regulador, A deputación Provincial de Ourense e o Xeodestino O Ribeiro-Carballiño.

A estratexia promocional para o ano 2022

Dentro das accións de promoción programadas para o ano 2022 pola Asociación Ruta do Viño do Ribeiro está previsto facer presentacións deste documental nas principais cidades de Galicia así como nos concellos que abrangue o territorio demarcado desta asociación.

Nas vindeiras semanas desenvolverase unha acción inversa con periodistas de prestixio nacional especializados no eido do turismo, grazas á axuda económica do Inorde.

Asemade a mediados do mes de maio celebrarase a edición anual da Xornada De Portas Abertas con financiamento da Axencia Turismo de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button