CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Estudantes da Universidade Internacional de Valencia realizan as prácticas online no Pablo VI-Fátima da Rúa

Neste curso participan no programa dúas estudantes do Grao de Educación Primaria e vinte (en dúas quendas) do Máster de Profesorado de Secundaria

 

Máis alá dos niveis educativos (dende Gardería ata Bacharelato) e das actividades que ofrece aos seus alumnos (madrugadores, transporte escolar, escola de pais, clases de reforzo, residencia masculina,…) o colexio San Pablo VI-Fátima da Rúa, leva anos colaborando no programa de prácticas de centros de formación como a Universidade Internacional de Valencia ou a de Alfonso X El Sabio de Madrid, unha iniciativa  pedagóxica e enriquecedora tamén para o propio alumnado valdeorrés.

“Nós xa levamos tempo. Este ano, co tema do covid, a inmensa maioría dos colexios de España non quixeron facelo xa que a única forma era a través dos medios dixitais, pero como nós dispomos de medios telemáticos decidimos continuar. Había moitas solicitudes pero non podemos aceptar máis”, explica Avelino García Ferradal, coordinador das prácticas en Educación Secundaria.

 

Alba Ezquerro Marín, durante unha das súas prácticas online no Pablo VI-Fátima.

 

En Primaria (5º e 6º) están realizando as prácticas online dúas estudantes do Grao en Educación Primaria, curso 2020/ 2021, da Universidade Internacional de Valencia: Alba Ezquerro Marín e Jessica Torre Quintanal. Alba é profesora de Música no IES Mariano Quintanilla, en Segovia, e na mañá do mércores 20 de xaneiro conectábase  telematicamente co centro rues para impartir unha clase de Ciencias Sociais. Está realizando o nivel de prácticas III cun total de 180 horas en asignaturas de carácter xeral e 120 na súa especialidade, Música, e ademais de impartir algunha clase, tamén lle remite material ao profesorado do centro para traballar en clase, asegurando que os rapaces son moi participativos e “teñen moita sorte de dispoñer dos medios necesarios para poder realizar este tipo de formación online“, dixo Alba en directo dende o seu posto de traballo, no que aproveita os descansos para traballar nas súas prácticas.

A situación é un pouco diferente en Secundaria, onde este ano contan con vinte estudantes (a maioría de Andalucía) do Máster de Profesorado de Secundaria edición abril 2020, tamén da Universidade Internacional de Valencia, que están facendo as prácticas en dúas quendas. “Na primeira unha delas é presencial e outras 9 telemáticas, ata o 8 de marzo e despois outra quenda doutros dez estudantes de abril a maio”, explica o coordinador, Avelino García, engadindo que a maior dificultade é que dependen dunha conexión a Internet e “aínda que os rapaces están acostumados, son normalmente conexións individuais non colectivas de toda a clase,… pero do resto, se se lles podes dar unha formación extra e axudalos para que poidan rematar, mellor”, asegura, tendo en conta que “se as titorías son presenciais, fanse dúas avaliacións no período de prácticas pero ao ser telemáticas hai que facelas cada 15 días porque require máis control”.  As asignaturas nas que desenvolven as prácticas  son Matemáticas-Informática, Debuxo, Orientación, Física e Química, Inglés, Música e Educación Física.

Na galería de imaxes podemos ver a Alba Ezquerro, nuha das clases de prácticas en Primaria.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button