OurenseÚltima hora

Estudantes de toda España poden inscribirse xa nos obradoiros online de Galiciencia 2021

Esta 16ª edición celebrarase do 26 ao 28 de maio coa temática “A innovación poscovid a través da revolución do talento”.

 

A 16ª edición de Galiciencia, a feira científica promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- celebrarase os días 26, 27 e 28 de maio, coa temática “A innovación poscovid a través da revolución do talento”. Por segundo ano consecutivo, será online debido á actual situación sanitaria. Unha circunstancia que permite ampliala a todo o ámbito nacional, podendo chegar así a máis rapaces e rapazas interesados na ciencia, a innovación e a tecnoloxía.

Ademais do concurso de proxectos, como cada ano, a feira compleméntase con actividades, obradoiros, concursos diversos e espectáculos de ciencia. O prazo para inscribirse nos desta edición a través de www.galiciencia.online abríase na mañá deste luns 5 de abril e rematará o vindeiro día 30.

Galiciencia 2021 abrirase o 26 de maio cun espectáculo científico dinámico e interactivo que versará sobre “O mundo e as pandemias”. Será unha aproximación á historia das grandes pandemias e á importancia da ciencia e a tecnoloxía para a súa solución. Durante o espectáculo levaranse a cabo diferentes experiencias prácticas como a visualización das principais vías de contaxio empregando luz ultravioleta, ou a comprobación experimental da eficiencia das máscaras.

 

 

Os centros educativos recibirán un kit con materiais para que o alumnado poida desenvolver cada actividade

Os estudantes de Primaria poderán participar en dous talleres diferentes. Por un lado, “Como pode voar un helicóptero en Marte?” inspírase na misión Mars2020 da NASA, sobre a que hai postas as esperanzas de lograr o primeiro voo con motor noutro planeta. Ademais, o taller “CSI” achegarase á relación entre ciencia e tecnoloxía e a investigación policial, mediante a resolución dunha misteriosa desaparición.

Pola súa parte, o alumnado de Secundaria poderá participar no taller “Espiando a coroa”, centrado en calcular a dimensión dun cabelo a través de luz láser. En “Microbioloxía para entender o mundo”, os rapaces terán a oportunidade de descubrir, mediante exemplos cotiáns, como a microbioloxía xoga un papel fundamental tanto na nosa saúde como no noso día a día.

Como cada ano, estes talleres serán impartidos por recoñecidos divulgadores científicos. Os centros educativos participantes recibirán un kit con materiais para que o alumnado poida desenvolver cada actividade.

Máis información: www.galiciencia.com / www.galiciencia.online.

Artigos relacionados

Back to top button