ConcellosÚltima hora

Estúdase a potencialidade da Via Nova como ruta xacobea

Un grupo de municipios da zona están interesados en definir este camiño cultural e avaliar a súa potencialidade para que se erixa en itinerario do Camiño de Santiago

Ponte Bibei, pola que pasa a Via Nova./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Un informe de diagnose explora a posibilidade de crear un camiño cultural na Vía Nova ou Via XVIII romana no itinerario: Ponferrada – Puente de Domingo Flórez, O Barco de Valdeorras, A Rúa de Valdeorras, Larouco, Manzaneda, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, A Teixeira, Castro Caldelas, Sober, Chantada, Santiago de Compostela, tal e como vén de informar a Deputación de Ourense.

A iniciativa partía dun grupo de alcaldes desta zona (entre eles os de Río, Trives, Larouco, Petín, A Teixeira e Castro Caldelas) interesados en pescudar a vinculación desta parte da provincia cunha ruta xacobea. “O estudo, realizado por un equipo de investigación da Universidade de Vigo pertencentes ás Facultades de Historia e de Turismo e Empresariais do Campus de Ourense, foi solicitado pola Deputación de Ourense a petición do citado conxunto de municipios”, que buscan avaliar a potencialidade desta ruta “para que se erixa en itinerario do Camiño de Santiago”, tal e como indica o organismo provincial.

O autor deste traballo, Xosé Antón Díaz, presentaba neste verán na sala de prensa do Pazo Provincial, as conclusións do mesmo ao vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e a alcaldesas e alcaldes da zona: Castro Caldelas, Trives, San Xoán de Río, Larouco e A Teixeira.

As propostas estratéxicas de actuación recollidas no informe van desde definir un programa de acción para tratar de valorizar a importancia deste camiño patrimonio-cultural no ámbito de Galicia e do territorio nacional, ata impulsar un programa de difusión informativa sobre este itinerario do Camiño Cultural, elaborar un Plan de Marketing do Camiño Cultural de referencia, realizar unhas xornadas de traballo para divulgar o interese do estudo realizado sobre o camiño cultural: Vía Nova ou Vía XVIII.

 

Imaxe da reunión celebrada na Deputación de Ourense.

 

Entre as propostas do informe tamén se atopa realizar mesas redondas de traballo entre os municipios da comarca, a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, ao público efecto de definir un borrador sobre o itinerario do trazado do Camiño Cultural de referencia. Realizar unha consulta con Patrimonio da Xunta de Galicia e co órgano competente do Ministerio de Cultura para poder inventariar este camiño cultural en razón a súa importancia histórica e de identidade cultural para a comarca e para Galicia.

Por outra banda, o estudo tamén contempla a colaboración da comarca, a Deputación e a Universidade de Vigo para dar visibilidade a este camiño cultural para que sexa considerado nas bases de datos do Ministerio e da Xunta de Galicia, para poder potencialo progresivamente. Ademais, propóñense actuacións municipais para realizar programas activos de sensibilización, preservación, conservación e información do Camiño Cultural resultante, entre outras recomendacións.

Artigos relacionados

Back to top button