A VeigaConcellosÚltima hora

Estudo piloto na Veiga sobre o aproveitamento do sabugueiro, plantas medicinais, ornamentais e madeira

Panorámica da Veiga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende o Concello de A Veiga, en colaboración coa Deputación de Ourense, vén de poñerse en marcha un estudo para valorar a viabilidade e posta en marcha dunha serie de proxectos forestais buscando crear emprego na zona e coidar o monte. “Partimos da base de que o desemprego é un importante factor de vulnerabilidade das persoas sobre todo no ámbito rural, un período continuado nesta situación pode dar lugar non só á exclusión do mercado laboral senón que tamén pode supoñer un elevado risco de exclusión social das persoas pertencentes aos colectivos máis desfavorecidos. Co fin de mellorar esta situación é preciso a posta en marcha de novas accións para lograr unha maior empregabilidade das persoas en situación de desemprego e simultaneamente dar novas alternativas de saídas profesionais”, segundo indica o alcalde veigués, Juan Anta.

Con este novo proxecto o Concello aposta polo aproveitamento de recursos da zona como o sabugueiro, plantas medicinais, plantas ornamentais, madeira ou oliveiras. “Como primeira liña e principal do estudo afondaremos no aproveitamento do sabugueiro, arbusto que abunda en todo municipio. O que se pretende é aproveitar os froitos, ao mesmo tempo que se intenta obter recursos económicos para a poboación. Con este programa tamén se pretende manter coidados os bosques e protexer o sabugueiro”, prosegue o rexedor. Comezarán determinado a situación actual do sabugueiro na Veiga, localizando en cada núcleo os exemplares existentes e o seu estado.

Ademais, dende o Concello indican que na actualidade existe unha grande demanda de plantas medicinais e aromáticas por parte de industrias alimentarias, farmacéuticas e cosméticas, sendo esta una posibilidade para o desenvolvemento rural. “A Veiga conta con especiais condicións climatolóxicas para o cultivo e a produción de gran calidade de plantas medicinais ou aromáticas. Nos seus bosques podemos atopar diferentes plantas medicinais e aromáticas silvestres: xanzá, tomiño, menta, romeiro, etc.”, engaden.

Para poder levar a cabo o seu aproveitamento con anterioridade farase un estudo de cal e a situación actual das plantas medicinais e aromáticas do municipio e, ao mesmo tempo, un plan para estudar a viabilidade da creación de viveiros deste tipo de plantas.

“A Veiga conta cunha extensión de 29.048 hectáreas, sendo a maior parte masa forestal e pertencendo unha gran parte deste terreo a montes veciñais en man común. A continuación, nos tres casos, habrá un módulo práctico e teórico para a veciñanza co fin de dar continuidade a proxectos como a faba e o mel. No proxecto igualmente dotarase económicamente das partidas necesarias para executar eses proxectos de viabilidade. Por último, de igual maneira, continuaremos co estudio da madeira que xa iniciáramos o ano pasado. Para esta segunda fase e defintiva o obxectivo e tendo en conta todos os datos resultantes da primeira fase elaborar un proxecto de viabilidade para definir proxectos moi concretos que desarrollar no noso concelo”, sinala o seu alcalde.

Tamén se paunta que “é preciso realizar unha planificación estratéxica para o aproveitamento da madeira, elaborar un plan que nos permita o aproveitamento sostible tanto da madeira como de produtos non madeirables (ex. resina). De cara a obter mellores beneficios económicos por parte dos propietarios a un prezo xusto e legal. Dentro deste plan estudarase de maneira específica, a plantación de oliveiras e castiñeiros. Tratando en concreto as variedades máis adecuadas á zona e un estudo de mercado sobre as posibilidades de negocio. De igual forma estudarase a viabilidade de elementos como as pellets ou a astilla. Ofertar deste xeito e con este proxecto, novas alternativas profesionais ligadas ao noso territorio e aos seus recursos. Co obxectivo tamén de evitar formación en áreas que non supoñan saídas laborais, centrando específicamente a formación na área que obteña mellores resultados no estudo”, conclúe o alcalde.

Artigos relacionados

Back to top button