CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

“Eu de maior quero ser policía!”

Os grupos especiais da Policía Nacional fixeron unha exhibición diante de 4.000 escolares ourensáns na que detonaron unha mochila bomba e organizaron unha persecución

O Estadio do Couto, en Ourense, foi hoxe testemuña dunha persecución policial moi intensa na que participaron os francotiradores da Policía Nacional, vidos de Madrid da Coruña, os Grupos Operativos Especiais de Seguridade, Artificieiros, Unidades Caninas, Caballería… un total de 40 axentes fixeron un amplo despregamento de seguridade no Estadio para “atrapar aos malos”. Unha escena propia dunha película de Hollywood. Afortunadamente, todo isto era unha exhibición para 4.000 escolares ourensáns que gozaron dunha mañá chea de emocións. Moitos manifestaban que a súa vocación era ser Policía de maior tras veres o traballo dos axentes no campo.

Un helicóptero, que transportaba un francotirador, aterrou no medio do campo de fútbol, dous axentes descenderon pola fachada dun edifico e os G.O.E.S conseguiron deter “aos malos”, dicían os rapaces.

Tras deter aos criminais, a Policía Nacional tivo que intervir xa que no medio do céspede do campo apareceu “un coche bomba!”. A expectación dos rapaces era máis que intensa, primeiro o axente da unidade canina dos TEDAX-NRBQ (un can especialista na detección de explosivos) rexistrou o coche e todo parecía apuntar que había un artefacto explosivo agochado, xa que o can sentou en sinal de alerta indicándolles aos axentes devandita presenza.

A tensión non paraba de aumentar cando o robot artificieiro entrou en escena para recoller a mochila bomba do maleteiro. As pinzas mecánicas pousaron a mochila e logo foi o quenda do artificieiro. Como se de Neil Amstrong se tratase, o artificieiro portaba un traxe anti explosivos e achegouse á mochila para acoplarlle os detonadores, o axente liscou tan rápido como lle permitía o traxe e logo: “3,2,1!” berraron os rapaces dende as gradas, e os artificieiros detonaron a mochila bomba.

Tras eles, e a paz restaurada no estadio, a Unidade de caballería e a Unidade de Guías Caninos fixeron unha auténtica demostración de obediencia e comportamento. Os cans seguían aos seus axentes e facían todo o que estes lle mandaban: buscar drogas, explosivos, atacar a un home armado… E a caballería fixo o propio dunha intervención en terreos montañosos, manifestacións, control de parques…

Estas actividades de exhibición entra dentro do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar da Policía Nacional que, nos primeiros trimestres do curso 2016-2017 en Galicia, chegou a maís de 80.000 persoas da comunidade educativa.

 

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button