OurenseÚltima hora

Evacuado en helicóptero un ciclista tras sufrir unha caída nunha pista forestal do Carballiño

Esta tarde tamén se producía un accidente de tráfico con tres feridos no municipio de Bande

 

Un home era evacuado esta tarde en helicóptero medicalizado tras sufrir unha caída nunha pista forestal no concello do Carballiño. “A alerta entrou na central do 112 Galicia a través da chamada dun particular, ás seis e media da tarde. Nesta, a persoa requería asistencia sanitaria para un home que acababa de caer da súa bicicleta, no medio do monte, e perder a consciencia no golpe”, tal e como informa o 112 Galicia.

De inmediato, os xestores do CIAE-112 alertaron aos axentes da Garda Civil e da Policía Local, aos Bombeiros e membros de Protección Civil do Carballiño e ao 061. “Pouco despois, os servizos sanitarios confirmaron que o helicóptero medicalizado con base en Ourense, se desprazaba para a zona forestal situada entre os lugares de Cimadevila e Fonteantigua. Finalmente, o 061 confirmou que o home foi trasladado en helicóptero ao hospital de referencia”, segundo o 112 Galicia.

Tres feridos nun accidente de tráfico en Bande 

Tamén esta tarde, ao fío das 18h. producíase un accidente de tráfico entre dous vehículos na estrada OU-540 sobre o punto quilométrico 35, no municipio de Bande. Ata o lugar desprazábase a Garda Civil de Tráfico.

Ademais os operadores do Centro Integrado do Atención ás Emerxencias de Galicia deron aviso aos Bombeiros e aos membros de Protección Civil da Mancomunidade Terras de Celanova e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061. Tamén, membros do GES de Muíños formaron parte do operativo. Finalmente, segundo a información facilitada ao 112 Galicia, resultaron feridas tres persoas.

 

Artigos relacionados

Back to top button