A VeigaConcellosÚltima hora

Evacuado en helicóptero un sendeirista no municipio da Veiga

 

Un sendeirista tivo que ser evacuado nun helicóptero medicalizado, a pasada tarde, despois de sufrir unha caída nunha zona de complicado acceso, no concello ourensán da Veiga, tal e como informaba esta mañá o 112 Galicia.

Eran arredor das 18:30 horas de onte cando o 112 Galicia coñecía o suceso, “mediante a chamada do 112 de Castela e León. A información facilitada aos operadores versaba sobre unha parella que, ao realizar unha ruta de sendeirismo próxima ao lugar de Ponte, estaba en problemas ao sufrir unha das persoas unha caída nun lugar de difícil acceso do que non podían moverse”, segundo o 112 Galicia.

“Grazas ao envío das coordenadas mediante o servizo de mensaxería instantánea, desde o CIAE-112 Galicia logrouse obter a localización das persoas e facilitarlla” aos Bombeiros e aos bombeiros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) Valdeorras, á Garda Civil e aos servizos sanitarios, segundo o 112 Galicia. “Estes últimos, notificaron poucos minutos despois a mobilización da aeronave medicalizada con base en Ourese, para a zona”.

Finalmente, desde Urxencias Sanitarias de Galicia – 061 confirmouse ao 112 Galicia o traslado da persoa caída ata o Hospital de Ourense, a bordo do helicóptero. “Ademais, os equipos de emerxencias desprazados indicaron que a parella do evacuado non resultou ferida e que puido volver ao camiño da ruta coa axuda de persoas particulares coas que se atopou na zona”, engaden.

No operativo de rescate, tamén foron informados os membros de Protección Civil da localidade.

Artigos relacionados

Back to top button