DeportesÚltima hora

Evas Arias xa luce as cores do Adas

A atleta vilamartinesa ten previsto competir nos vindeiros dous anos coa ficha do club valdeorrés no que comezou a competir de nena
A atleta Eva Arias, na rolda de prensa xunto ao alcalde do Barco, ao presidente do Adas e ao concelleiro de Deportes barquense./ Foto: Ángeles Rodríguez.
A atleta Eva Arias, na rolda de prensa xunto ao alcalde do Barco, ao presidente do Adas e ao concelleiro de Deportes barquense./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Vestindo a camiseta vermella do Adas, e co presidente deste club, co alcalde do Barco e co concelleiro de Deportes ao seu carón, a atleta Eva Arias Aira anunciaba en rolda de prensa na tarde do 17 de novembro o seu regreso á entidade deportiva na que comezaba a correr cando tiña 8 anos. Amosaba o seu agradecemento e tamén lembraba que sempre recibiu o apoio da comarca e do Adas e que “nunca me deixaron as portas pechadas”. Tamén adiantaba que o seu principal obxectivo de cara os vindeiros dous anos, nos que estará neste club, será poder conseguir praza para a Olimpíada e estar representando a España en Río na modalidade dos 3.000 metros obstáculos.

Tanto dende o Adas como dende o Concello do Barco coincidiuse en calificar de moi boa noticia o regreso desta atleta natural de San Miguel de Outeiro (Vilamartín) ao club valdeorrés. “En canto nos expresou o seu interese por voltar, dende o Concello puxémonos en contacto con diversas empresas para conseguir patrocinadores e financiación externa que puidera permitir que Eva, que é unha atleta de elite, regresase ao club. E ao final foi doado e conseguímolo. Para nós é unha honra ter de novo a Eva aquí, tiñamos que apoiala”, comentaba o rexedor barquense Alfredo García, sinalando de seguido os logotipos das firmas que respaldarán a atleta que estaban colocados tras a mesa que se daba a rolda de prensa.

Eva Arias e Alfredo García, mirando os logotipos dos patrocinadores da atleta./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Eva Arias e Alfredo García, mirando os logotipos dos patrocinadores da atleta./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Pola súa banda, Agustín González, presidente do Club Adas destacaba que se trata dunha moi boa noticia. “Para nós é unha tremenda alegría e temos que agradecer as xestións do Concello”. Tamén adiantaba que o obxectivo de Eva Arias “será intentar estar nas grandes citas e o mellor sería poder rematar coa súa participación nas Olimpiadas de Río”.

Xa como metas máis inmediatas, Eva Arias adiantaba que ten previsto competir en febreiro no Campionato de España de pista cuberta e, xa en agosto, no Campionato de España ao aire libre.

Texto e fotos: Ángeles Rodríguez
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button