EconomíaEconomíaÚltima hora

Exaltación do Pan de Cea o 6 de xullo

A actriz ourensá Gloria Ferreiro será a pregoeira desta XXIII edición da festa
Presentación da mostra do Pan de Cea.
Presentación da mostra do Pan de Cea.

O vindeiro domingo 6 de xullo o Campo da Saleta en San Cristovo de Cea acollerá a XXIII edición da Festa de Exaltación do Pan de Cea que contará con actividades moi diversas como cociña en vivo e degustacións en fornos e locais colaboradores, ademais da animación musical e do clásico maratón de fútbol 7.

O programa era presentado na mañá do 1 de xullo polo presidente do Consello Regulador da IXP “Pan de Cea”, Carlos Rodríguez; o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares; o secretario da IXP Ricardo Losada; o tenente de alcalde de San Cristovo de Cea, Celso Garriga; e o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen asegurou que a Deputación “está ao carón desta festa, declarada de interese turístico, un evento que promociona a nosa gastronomía e a nosa cultura e historia e do que xa existen referencias no século XIII”.

A festa comezará xa o sábado 5 de xullo cun show cooking a cargo da chef Enma Pinal na Praza da Panadeira na que se ofrecerán catro degustacións con produtos con denominación de orixe galegas: Pan de Cea en torrada de cocido con Lacón e Grelo de Galicia; tosta de Pan de Cea, con Tenreira de Galicia, queixo da DOP Cebreiro e pementos da DOP Pementos de Herbón; blinis de Pan de Cea con Mexilón de Amegrove e Pan de Cea con mousse de DOP Arzúa-Ulloa e salsa de I Mel de Galicia.
Ademais, os visitantes poderán facer un percorrido gastronómico polos antigos fornos de Pan de Cea: Forno de Lodairo, Forno de Parapeta, Forno do Santo e Forno da Cruz en cada un dos cales tamén se ofrecerá un pincho de degustación a base de empanada, polbo, mexilón e queixo.

A xornada grande, o domingo 6 de xullo, arrancará cos tradicionais pasarrúas e charangas que darán paso á lectura do pregón, a cargo da actriz ourensá Gloria Ferreiro, moi coñecida pola súa persoaxe de Dona Hermitas, quen será nomeada “Primeira embaixadora do Pan de Cea”.

Non faltará a tradicional homenaxe aos panadeiros xubilados, a degustación de diferentes productos con denominación de orixe e, como ven sendo habitual, ás 14:30 terá lugar un xantar organizado a base destes productos acollidos a denominación de orixe. Xa pola tarde, ás 17 horas volverá a música da man da charanga Castro Bello.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button