CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Excelente acollida da estrea da obra “Asemblea Xeral” de Lauro Olmo e Pilar Enciso, no Barco

Entre o público asistente a este espectáculo, coproducido por Sarabela e o Centro Dramático Galega, estaban os dous fillos dos dramaturgos

 

Uns nenos atopan un baúl, agochado tempo atrás polos seus pais. E dentro del descubren un auténtico tesouro: o texto da obra “Asemblea Xeral”, escrita polo valdeorrés Lauro Olmo e Pilar Enciso. E canda el, o conxunto de elementos precisos para a súa representación. Así principia a versión que a compañía ourensá Sarabela Teatro, en coprodución co Centro Dramático Galego, estreaba onte, cunha excelente acollida, no Teatro Lauro Olmo do Barco, no marco dos actos do centenario do nacemento deste dramaturgo barquense.

Numerosas persoas acudían á representación. Entre elas estaban os dous fillos de Lauro Olmo e Pilar Enciso, Lauro e Luis, acompañados das súas esposas. Ao termo da representacións ambos valorabana moi positivamente, en declaracións ao Periódico O SIL, e tamén a asistencia de público.

 

 

“Creo que fixeron un magnífico traballo, é unha versión ademais moi interesante porque mestura outras obras do teatro infantil un pouco para contextualizar, neste caso, á nosa nai e ao noso pai e, nese senso, estamos moi satisfeitos. E, por outra banda, valoro o difícil traballo que fixeron de, non dobrar, senón de triplicar ás veces, a personaxes porque lamentablemente, non é minusvalorar para nada o seu traballo, pero é o problema do apoio que hai ao teatro neste país, non só en Galicia, senón no resto de España, que debería ser mellor. Con todo isto demóstrase que hai xente cun profundo amor ao teatro e que está traballando moi dignamente”, resaltaba Lauro Olmo Enciso.

 

 

De maneira moi semellante se expresaba o seu irmán Luis. “É de agradecer o gran traballo do equipo e dos actores, son moi bos, e o labor que fixeron é concienzudo porque tiveron que adaptar, polas circunstancias que hai, o que é a obra. Creo que conseguiron o obxectivo e que é para estar contentos”.

 

 

Esta era ademais a primeira vez que, de forma profesional, se levaba ao escenario en galego “Asemblea Xeral”, nunha versión de Fernando Dacosta e Fina Calleja, quen foi ademais a directora da peza. Do seu elenco forman parte Héctor Martínez, Fran Lareu, Elena Seijo, Fernando Dacosta e Sabela Gago. O equipo amosaba tamén a súa satisfacción pola estrea e a acollida. “Foi moi emocionante saber que o parto era na casa de Lauro Olmo, no Barco, o equipo estivo magnífico, os actores estiveron entregados e o público conectou connosco, aínda que o destinatario sexa un público máis pequeno, pero entregáronse ao xogo que se plantexaba”, resaltaba a directora, Fina Calleja.

 

 

Tamén resaltaba que esta peza é “moi fiel ao espírito do conxunto da obra de Lauro Olmo e de Pilar Encisco, e ao espírito de toda a vida deses dous seres marabillosos comprometidos co débil, que non perderon oportunidade de defender as súas ideas en todas as circunstancias, dende a escrita, ata en todos os actos aínda que fosen actos cotiás. Nese senso, o esforzo, tanto dende a versión como dende a dirección, ía encamiñado cara aí”.

A partir de agora está previsto que o espectáculo inicie unha xira por diferentes escenarios galegos, se ben, aínda non hai datas concretas para as funcións.

 

 

Esta obra, de Lauro Olmo e Pilar Enciso, advirte aos máis pequenos e aos maiores “sobre os perigos dos abusos do poder, cuestiona os mecanismos da xustiza e pon o acento na necesidade de educar para a paz, nos valores democráticos, como garantía para unha convivencia feliz e respectuosa entre iguais”, destacan dende Sarabela.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button