En portadaÚltima hora

A executiva da Fegamp reunirase na Casa-Museo de Manuel María

Tras os actos do 17 de maio en Outeiro de Rei, a executiva da Fegamp, que preside o alcalde do Barco, manterá unha xuntanza na casa do poeta
O presidente da Fegamp, Alfredo García, coa viúva de Manuel María, Saleta Goy, tras asinar o convenio de colaboración coa fundación que leva o nome do poeta chairego./ Foto: Fegamp.
O presidente da Fegamp, Alfredo García, coa viúva de Manuel María, Saleta Goy, tras asinar o convenio de colaboración coa fundación que leva o nome do poeta chairego./ Foto: Fegamp.

O acto oficial de homenaxe a Manuel María promovido pola Real Academia Galega (RAG) terá lugar o 17 de maio na Casa-Museo do poeta en Outeiro de Rei (Lugo). Pero ademais diso, a propia Casa-Museo quere “convidar a todo o pobo galego a darlle continuidade á celebración na tarde dese mesmo día 17 levando a cabo unha xornada de portas abertas dirixida a todo tipo de públicos”.

A través destas visitas guiadas e gratuítas poderase descubrir o rico e importante legado do autor chairego, tamén a casa onde naceu. Así a súa biografía, a súa obra e “as diferentes facetas que conforman unha das personalidades máis senlleiras das nosas letras, iranse combinando durante toda a tarde con música, maxia, recitados poéticos, lecturas de textos, proxeccións audiovisuais…”, tal e como se adiante dende a mesma Casa-Museo.

Por outra banda, e dentro do abano de homenaxes ao autor ao que se lle adican as Letras Galegas do 2016, a comisión executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que preside o alcalde barquense Alfredo García, decidía escoller a Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei para celebrar unha xuntanza de traballo o mércores 18 de maio ás 12.30 da mañá.

Antes da reunión, os membros da executiva da Fegamp realizarán unha visita guiada á Casa-Museo ás 11.30 da mañá. “Nela as alcaldesas e os alcaldes que fan parte do organismo coñecerán distintos aspectos da traxectoria vital e do compromiso cívico que Manuel María mantivo sempre con Galiza, coa súa lingua e coa súa cultura e con todas as causas que el considerou xustas no tempo histórico que viviu; unha consciencia ética plenamente retratada nunha moi extensa obra literaria, composta por máis dun centenar de títulos, que no percorrido pola casa natal do escritor tamén poderán coñecer”, segundo se explica dende a Casa-Museo de Manuel María.

O poeta de Outeiro de Rei, Manuel María./ Foto: Arquivo Fundación Manuel María de Estudos Galegos.
O poeta de Outeiro de Rei, Manuel María./ Foto: Arquivo Fundación Manuel María de Estudos Galegos.

Esta entidade supramunicipal asinaba hai uns meses un convenio de colaboración coa Casa-Museo Manuel María para difundir a figura e obra deste escritor “desde un ámbito tan importante e privilexiado como o dos concellos, que ao seren as institucións máis próximas á veciñanza son tamén as que desenvolven o maior número de actividades ou iniciativas que permiten achegar a Manuel María aos públicos máis diversos”.

Por outra banda, a través de diferentes concellos e entidades culturais galegas, e entre elas as ourensás, estanse a organizar a longo destes días multitude de actos para difundir, festexar e enxalzar o legado de Manuel María. Asemade a Casa-Museo de Manuel María tamén anuncia que, ante o gran interese espertado entre moitas persoas e entidades sociais e culturais galegas, e para facilitar canto posíbel a programación de visitas, amplía o seu horario de apertura ás xornadas festivas e aos domingos pola tarde.

Así “até o momento, a Casa-Museo viña mantendo un horario de visitas todos os sábados, de 11 a 14 e de 16.30 a 18.30 horas, e todos os domingos de 11 a 14 horas. Coa ampliación de horario, éste amplíase aos domingos de 16.30 a 18.30 horas e tamén aos días festivos que coincideren durante a semana no mesmo horario xa sinalado. Durante os meses de xullo e agosto o horario das tardes será, como xa viña sendo, de 17 a 19.30 horas”.

Máis información:
edición en papel do Especial Letras Galegas de O Sil
www.casamuseomanuelmaria.gal

Artigos relacionados

Back to top button