Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

A executiva provincial do PSdeG mantén a súa primeira xuntanza en Ourense

A nova executiva provincial do PSdeG mantivo na tarde de hoxe, 22 de xaneiro, a súa primeira xuntanza na sede da Rúa Ribeira de Canedo, en Ourense, co obxectivo de teres unha primeira toma de contacto.

Encabezada polo Secretario Provincial, Rafael Rodríguez Villarino, na sala estiveron presentes persoeiros socialistas da provincia como o voceiro na Deputación, Francisco Fraga; a súa compañeira na Cámara Provincial, Susana Rodríguez; o concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández; ou a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, entre outros.

No tocante á parte resolutiva, a nova executiva provincial aprobou o calendario para proceder á renovación das executivas locais e para a elección de delegados ó comité provincial e ó comité nacional. Así pois, a renovación das comisións executivas municipais e os membros do comité provincial e o comité nacional, levarase a cabo entre o 22 e o 31 de xaneiro de 2018. Por outra banda, a renovación das comisións executivas interlocais (para agrupacións con menos de 20 militantes e para militancia sen agrupación constituída) producirase nas datas comprendidas entre 23 de xaneiro e o 10 de febreiro, exercendo o seu voto na agrupación municipal máis próxima, en base ós agrupamentos semellantes establecidos para outros procesos previos. As novas executivas municipais, que deberán ser paritarias, serán elixidas por medio de voto maioritario, individual, directo e segredo dos militantes, en listas pechadas e bloqueadas, segundo o establecido nos Estatutos Federais do PSOE.

Fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button