DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Exhibición de skate e BMX no Barco de Valdeorras

Iván Tato e Christian Pombo organizaron pola súa conta a actividade deportiva en plenas Festas de Santa Rita

Sen tantos seguidores como outras disciplinas deportivas de gran calado na comarca como o fútbol ou o baloncesto, os deportes extremos como o skateboard ou a modalidade de ciclismo BMX (Bicycle Motocross) teñen en Valdedorras os seus seguidores, e dende logo son grandes apaixonados, algúns incluso semiprofesionais. É o caso do barquense Christian Pombo que conta con varios patrocinadores que lle permiten competir en importantes citas de BMX (en Madrid, Málaga, no Marisquiño de Vigo,…); e tamén de Iván Tato, que se centra máis no skate.

Xuntos ou de forma individual pasan as horas que poden practicando no Skatepark que hai no Barco de Valdeorras, unha instalación que segundo Christian nin está no lugar apropiado nin en boas condicións. “A infraestrutura é municipal pero como se non estivera porque está en moi mal estado e en moi mal sitio, ao lado do parque infantil. É o peor porque os nenos están por alí xogando ao balón e métense no medio. Se hai cativos que queiran andar en bici ou monopatín poden, claro que si, pero non co balón en medio da rampa. Entre nós esquivámonos pero os pequenos quedan no medio e pode haber problemas”, asegura Pombo.

Esta situación crea malestar entre os xoves que adestran na rampa, aínda que non desisten no empeño en dar a coñecer o seu deporte. Por iso, en plenas Festas de Santa Rita organizaban unha exhibición na que se xuntaron sete skate, sete scooter (patinetes) e cinco BMX. “Foi como un día calquera pero cada un tiña o seu tempo de exhibición e nese momento ninguén se podía meter e, ademais dos do Barco, veu xente de Ponferrada e de Vigo e moita xente mirando”, explican.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información na edición en papel de O Sil Deportivo.

Artigos relacionados

Back to top button