ConcellosÚltima hora

Decenas de persoas participan na I Feira Medieval “A Liorta”, no Carballiño

O concelleiro de Cultura califica de “éxito” a cita festiva e avanza que se repetirá para o ano

O Carballiño viaxou esta pasada fin de semana até a Idade Media coa súa I Feira Medieval “A Liorta”. Un evento festivo que fixo que as rúas se encheran de ambiente histórico grazas á decoración de postos e establecementos comerciais, que animaron aos veciños a saír polo casco histórico da vila enfundados en roupas pouco habituais. Deste xeito, decenas de persoas participaron nas actividades que deseñara o departamento de Cultura do Concello, algo que o edil Diego Fernández calificou de “éxito”.

A pesares das altas temperaturas que se rexistraron na localidade ourensá, os espectáculos programados fixeron mella na vila e a festa prolongouse até onte, domingo. Un total de 80 postos de artesanía despregáronse polas rúas máis céntricas ofrecendo aos transeúntes dende libros até ambientadores, pasando tamén polos postos de comida artesá: pizzas, pan ou bebidas todas feitas in situ.

Tamén houbo animación con pasarrúas, malabares, xigantes e cabezudos e outro tipo de espectáculos. Neste senso, o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, asegurou que o éxito acadado nesta primeira feira medieval permitirá planificar con máis tempo o evento para o próximo ano e avanza que tratarán de incrementar as actividades, recuperando algunha que finalmente non se puido celebrar nesta ocasión, como a exhibición de cetrería.

Baseada nun fito histórico, a Feira Medieval “A Liorta” quixo render unha homenaxe ao conflito xurdido séculos atrás polos frades de Oseira, con motivo do traslado da feira de Cea até O Carballiño. A programación tamén contemplaba unha representación teatral deste momento nas inmediacións da Vera Cruz.

Texto e fotografías: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button