En portadaÚltima horaVídeos

Exitosa apertura do Manzaneda Bike Park

Na mañá deste sábado 29 de maio a Estación de Montaña Manzaneda enchíase de afeccionados á BTT para desfrutar das reformadas instalacións

 

Coa situación sanitaria actual e o tempo tan cambiante, resultaba difícil prever a asistencia á apertura oficial do bike park da Estación de Montaña Manzaneda nesta fin de semana, pero segundo o visto esta mañá de seguro que se superan as expectativas.

Numerosas persoas de diferentes puntos de Galicia (xente de todas as idades e familias enteiras), asistían na mañá deste sábado 29 de maio á esperada preapertura da estación, especialmente os amantes da bicicleta de montaña que quixeron probar as renovadas instalacións, valorando moi positivamente o traballo realizado pola empresa adxudicataria. “As pistas quedaron moi ben e dá gusto baixar por elas”, aseguraban os bikers.

A apertura total da estación de montaña, con todas as súas instalacións e servizos, será o día 12 de xuño, pero os visitantes desta fin de semana (e tamén da do 5 e 6 de xuño) terán aberto o acceso ao bike park, ao telecadeira e á Tasquiña como servizo de restauración, pensada especialmente para os afeccionados á BTT.

 

 

Despois dos traballos de adecuación e adaptación, aumentouse en 1.700 metros a distancia total das pistas, ata case os 11 quilómetros que suman entre todas. Ademais, estréase a nova sinalización para facilitar a orientación dos usuarios. As pistas están identificadas por un código de cores segundo a súa dificultade, sendo a verde a máis sinxela; a azul a intermedia; a vermella como avanzada e a negra unicamente para os expertos.

O máis relevante, e unha das principais apostas dos novos xestores da estación, é a adaptación dalgunha das pistas a calquera tipo de nivel e, sobre todo, ao uso por parte de toda a familia. Deste xeito, o bike park de Manzaneda non só é o primeiro de España en abrir este ano, senón tamén o mellor adaptado para a realización de descensos en familia ou en grupos con diferentes niveis de destreza. En paralelo, tamén se actuou sobre os trazados cun maior nivel dificultade. A outra gran novidade será a instalación de portabicicletas nos telecadeiras, o que tamén o converterá no único bike park da costa cantábrica con este servizo.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button