ConcellosQuirogaÚltima hora

Exitosa I Feira de Artesanía en Quiroga, aderezada con música

 

Un total de 15 postos podían visitarse neste 27 de agosto no marco da I Feira de Artesanía e produtos locais de Quiroga. A Asociación de Artesáns galegos “Tarabelada” da que forman parte varios emprendedores locais, en colaboración co Concello de Quiroga, puxeron en marcha a idea de dar a coñecer dentro do noso territorio os produtos que eles mesmos elaboran.

Máis que satisfeitos se amosaron os artesáns desta primeira feira na que tiñan cabida os seus produtos. Precisamente esta satisfacción pola ventas acadadas era o que lle transmitiron ao alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, que se achegou ata os stands para ver o desenvolvemento desta mostra.

O rexedor local, que percorría os expositores acompañado do grupo de goberno local, en vista do éxito acadado, falou xa da intención de que esta primeira feira de artesanía teña continuidade en vindeiros anos.

Nesta I Mostra de artesáns, que se desenvolve ao longo da rúa Real, durante toda a xornada podemos atopar expositores de produtos alimenticios, xabóns e cremas, pero sobre todo traballos artesáns feitos con coiro, telas ou madeira autóctona como a madeira de oliveira.

Neste venres tamén ten cabida a música. O cantante Jorge Ferre, gran coñecido de Quiroga por ser vocalista en grupos como Cinema ou a orquestra Panorama, realizaba unha actuación a unha do mediodía, amenizando unha sesión vermú. E esta noite, a partir das nove, o grupo de música tradicional galega “A Roda”, actuará na praza da rúa Lago.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button