EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Exitosa quinta edición do Viñotapeo de Quereño (Rubiá)

Unhas 400 persoas sumábanse a este percorrido festivo e gastronómico por nove adegas da localidade ao ritmo da música

É unha cita gastronómica que se consolida no marco festivo valdeorrés. E así o vén de demostrar na súa quinta edición, na que o Viñotapeo de Quereño (Rubiá) superaba cifras de anos anteriores e sumaba arredor de 400 participantes.

Esta celebración comezaba a partires das oito da tarde do sábado 8 de xuño. Tras mercar unha entrada de 8 euros na entrada da localidade, propoñía aos participantes un percorrido festivo polas adegas da localidade degustando os seus viños (brancos e tintos), acompañados de deliciosos, elaborados e moi variados petiscos, tanto fríos como quentes.

 

 

Desta volta podían visitarse as adegas dos barrios do Regueiro, A Currelada, o Quintairo I, o Quintairo II, a do Barrio da Igrexa, As Cortiñas, A Tejera e outras dúas no barrio da Estación.

Arredor das once da noite comezaban a pechar as adegas e a festa trasladábase á pista polideportiva, onde se servía bica, doces e café. Había ademais moita música da man dunha charanga leonesa,  Los + buscados, que tamén animaba o traxecto entre adega e adega.

O V Viñotapeo ten sido organizado pola Comisión de Festas de Quereño co apoio dos veciños deste pobo e en colaboración con Talleres Dupont, Distribuciones Carrizo e o Concello de Rubiá.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button