Alta calidade de mel, moitas vendas e ambiente festivo. Con éxito celebrábase a XXVII Mostra do Mel de Quiroga na mañá do 10 de agosto. No seu recinto feiral, situado no centro da vila, podían degustarse e mercarse os meles de media ducia de apicultores desta zona lucense: Isabel Marcos (A Ponte Rodela), Manuel Macía (As Estradas), Ángel Gómez (Paradapiñol), Pedro Soto (O Ibedo), Manuel Macía (Quiroga) e Rubén Figueroa (Sequeiros).
Ao final da mostra, cuxo ambiente estivo animado con actuacións musicais, os produtores facían un bo balance desta edición destacando o número de vendas, habendo incluso quen rematou coas existencias dúas horas antes do peche da mostra. O tarro de mel dun quilo podía mercarse a 9 euros e o de medio quilo a 5 euros.
Ademais de mel, no recinto feiral tamén podían atoparse outros produtos típicos de Quiroga. Esta mostra faise coincidir coa feira e mercado do mes e ademais forma parte dos actos das Festas do Verán da vila.
Fotos: Carlos G. Hervella.